ÁBRESE O PRAZO DE ADMISIÓN DE CURTAMETRAXES E VIDEOCLIPS GALEGOS PARA O VI FESTIVAL DE CANS

2 / 01 / 2009

A Asociación Cultural Arela informa que desde hoxe e ata o 15 de marzo está aberto o prazo de admisión de curtametraxes e videoclips galegos para participar na sexta edición do Festival de Cans, que se celebrará do 20 ao 23 de maio na aldea de Cans (O Porriño).
O Festival de Cans entregará este ano 8.100 euros en premios, ao que se suman os Cans de Pedra, estatuíñas co emblema do festival realizadas polo artesán canteiro local Paco Candán. En total entregaranse 9 galardóns.

No que se refire ás curtametraxes hai dúas categorías a concurso: curtas de ficción e de animación. Os premios do xurado en ambas categorías e o do público na de ficción están dotados con 1.500 euros. No caso da mellor curta de animación segundo o público, o premio consiste en 3.000 euros en promoción da curtametraxe. O festival entrega tamén outros dous premios sen dotación económica: o de mellor actriz e mellor actor segundo o xurado. Ademais outórgase o Premio Pedigree a algunha persoa do audiovisual galego destacada pola súa traxectoria.

Para a súa participación no Festival de Cans, as curtametraxes deben estar feitas en Galicia, producidas por unha produtora galega ou dirixidas por directores/as galeg@s, e producidas nos anos 2007, 2008 ou 2009. A copia debe presentarse en formato DVD e non exceder os 30 minutos de duración. Xunto á curta enviarase unha ficha técnica, imaxes dixitais do cartel e dun fotograma e os datos de contacto.

No que se refire aos videoclips, o certame estará aberto a aqueles de músic@s ou grupos galegos e aos dirixidos por realizadores/as galeg@s. Deben ser dos anos 2007, 2008 ou 2009. Neste apartado hai dous premios ao mellor videoclip: o que outorga o público e o que entrega o xurado. Cada un deles recibirá 300 euros, ademais do Can de Pedra.

Os autores ou produtores de curtametraxes e de videoclips que estean interesados en que as súas producións participen no festival deben enviar unha copia ao seguinte enderezo:
Asociación Cultural Arela
Apartado de Correos 232
C.P. 36.400, O Porriño.

As bases da convocatoria pódense consultar na web www.festivaldecans.com. Para calquera consulta pódese escribir ao email festival@festivaldecans.com.

Categoría: Novas
Etiquetas: