O Clúster Audiovisual Galego (CLAG) vén de abrir o prazo de inscrición na 7ª edición do Pitching “I+P Ideas para producir”, que se celebrará o vindeiro 23 de novembro no edificio Ágora da Coruña. As empresas e os profesionais individuais do sector audiovisual que desexen participar nesta xornada de presentación de proxectos teñen de prazo para inscribir os seus traballos ata o día 31 de outubro.

Este encontro está destinado a reunir a empresas ou participantes individuais que buscan alianzas empresariais de cara á coprodución. Por outra banda, para as producións xa nun estado máis avanzado, o I+P pretende facilitar o encontro con distribuidoras, programadores de antena e responsables de vendas internacionais para a comercialización. O CLAG organiza esta xornada de exposición de proxectos e entrevistas bilaterais en colaboración co Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e o Concello da Coruña.

Na xornada anterior ao pitching “I+P Ideas para producir”, terán lugar diversas actividades que servirán para reflexionar sobre os beneficios que reportan as rodaxes nas cidades e as posibles estratexias de promoción e explotación existentes, como pode ser o turismo cinematográfico.

Os interesados en participar no I+P atoparán toda a información sobre esta xornada na páxina web do Clúster (www.clag.es), xunto coa convocatoria máis o formulario de inscrición, que deberán remitir cuberto ata o día 31 de outubro.

I+P, un formato consolidado O CLAG organiza o I+P desde o ano 2006. Desde os seus comezos, este pitching contou cun auditorio de importantes canles de televisión, distribuidoras e produtoras de ámbito nacional. Algo que se repetiu edición tras edición, facendo que este evento se consolidase e adquira unha grande repercusión nacional.

Neste pitching materializáronse acordos de distribución de producións como “La tropa de trapo en el país donde siempre brilla el sol”, “El sexo de los ángeles” ou “Personal Movie”, entre outros moitos. Durante estes seis anos, presentáronse 175 proxectos, moitos dos cales encontraron viabilidade económica, o que avala a oportunidade de negocio que plantexa este formato.