ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA O LAV014: LABORATORIO AUDIOVISUAL DE VEDRA

15 / 01 / 2014

Desde a Asociación Cultural Senunpeso trabállase dende hai sete anos para ofrecer a profesionais e afeccionados a posibilidade de formarse en aspectos xenéricos ou específicos do ámbito audiovisual, a través do Laboratorio Audiovisual de Vedra. Os días 15 e 16 de febreiro celebrarase unha nova edición do LAV.

O programa fórmano 13 obradoiros con contido teórico e práctico, que procuran que os participantes adquiran coñecementos para a súa maior autonomía creativa e expresiva. Ata o 1 de febreiro é posible inscribirse nas 195 prazas dispoñibles, 15 para cada curso. O programa inclúe 11 cursos para público xeral e dous cursos gratuítos para alumnado de Secundaria.

Esta é a relación de cursos do LAV 2014:

Cursos para público xeral:

Cursos gratuítos de 14 para estudantes de ESO

Todos os cursos teñen unha duración de 14 horas repartidas entre o sábado 15 e o domingo 16 de febreiro. Hai 15 prazas dispoñibles en cada curso, cun prezo de 50 € para cada participante. A matrícula formalízase on line antes do 1 de febreiro a través da páxina web da asociación: www.senunpeso.org.

Na súa sétima edición, o LAV é xa un referente na formación audiovisual non regrada en Galicia, que ten por obxectivo fomentar a creatividade entre afeccionados e profesionais e promover o uso social das ferramentas audiovisuais e multimedia. Polo LAV pasaron desde 2008 máis de 1.000 afeccionados e profesionais. Na Asociación Senunpeso entendemos o audiovisual coma un traballo ou unha afección colaborativa, onde todas as partes son importantes. Aproveitando e compartindo os coñecementos, a creatividade e os materiais pódense facer grandes creacións sen necesidade de contar con grandes orzamentos.

Unhas liñas sobre os cursos desta edición

Documentais de natureza: Max Carum introducirá ao alumnado nas claves para rodar documentais coa natureza como protagonista. O profesor do curso traballa dende 1988 na captación, edición, realización e dirección audiovisual. Como montador, cámara, fotógrafo, ensaísta e conferenciante abordou diferentes aspectos relacionados coa ciencia, a bioloxía e o audiovisual. Filmou máis de 175 especies de animais salvaxes en plena natureza.

Vídeo de combate: pretende sentar as bases de como empregar o audiovisual para lanzar unha mensaxe clara, efectiva e con poucos recursos para informar, divulgar e denunciar apoiándose nas novas tecnoloxías. Está dirixido a asociacións, colectivos e persoas que queiran elaborar vídeos atractivos e dinámicos. Ensinarase desde como planificar o traballo, a como gravar para comunicar, editar e logo comprimir para Internet. Estará impartido polo realizador Roi Guitián e a xornalista María Lobo, con experiencia en vídeo participativo e con ONGs.

Vídeo con cámara réflex: Se tes unha réflex e non saes do modo automático, este é o teu curso. E se non a tes pero estás interesado en mercar unha, tamén. O obradoiro será teórico, práctico e ameno, con información sobre diafragma, velocidade de obturación, ISO, tipos de obxectivos, gravación audiovisual… Imparte Rubén Prieto, fotógrafo e actor experimentado na realización de vídeo con cámaras réflex.

Inventos para o audiovisual: obradoiro dirixido a atrezzistas, escenógraf@s ou curios@s que queiran iniciarse na creación e construción de aparellos que aparecen diante da cámara e que axudan a desenvolver unha trama. No curso ensinarase a deseñar, construír e gravar inventos e falarase de inventos que xeran guións e guións que xeran inventos. Encárgase diso Pepe Penabade, que traballará co alumnado con algúns dos trebellos que creou para a teleserie “Pepe o Inglés”, a película “Crebinsky” e o documental “Funes, o inventor da lúa”.

Dirección de fotografía: Paco Rocha imparte este curso, estruturado en dúas fases: na primeira examinaranse as funcións teóricas do director de fotografía durante a preprodución, produción e edición. Na segunda fase estudarase terminoloxía básica, materiais básicos (lámpadas, reflectores, fotómetros), luz principal, iluminación de recheo (gradación de contrastes). Todas estas cousas se explicarán con material de cámara e iluminación presentes para poder ver in situ os materiais e o seu uso.

Interpretación diante da cámara: un ano máis, o LAV inclúe un curso de interpretación para o audiovisual, desta volta impartido polo director, coreógrafo, guionista e dobrador Xabier Picallo. Cun longo currículo no mundo do teatro como autor e director, en radio e televisión traballou como autor, dobrador e locutor. Ten unha ampla experiencia como director de actores.

Bandas sonoras: un achegamento ás bandas sonoras para producións audiovisuais con Marcos Payno. Músico polifacético (Das Kapital, GalegoZ, Nenos da Revolta…), compuxo bandas sonoras para curtametraxes, documentais e producións televisivas, como “Avión, o pobo ausente”, “Tourettes” e “Botarse ao monte”.

Animación dixital: Leonardo Zuklev e Bibiana Álvarez, especialistas en animación e efectos especiais, dirixen este curso que trata de brindar aos asistentes ferramentas básicas para o desenvolvemento de animacións en 3D. Entre os aspectos que se tratarán están a planificación, o modelado en ZBrush, modelado dunha cara e dun corpo, escenario, personaxes, animación dun personaxe, inclusión da animación nunha gravación real, efectos…

Documental web: os participantes no obradoiro aprenderán a identificar e incorporar nos documentais para internet mecanismos da linguaxe da web: hipertextual, non lineal, espacial, inmersiva, interactiva e participativa. Dun xeito práctico achegaranse ao proceso creativo necesario para un webdocumental: da idea inicial ao prototipado, do prototipo á identificación de recursos para a produción e o desenvolvemento e edición da web. Con María Yáñez, xornalista, produtora e investigadora, especialista en contidos web e narrativas dixitais.

Creación e xestión de webs con WordPress: este curso ten por obxecto explicar e poñer en práctica os fundamentos básicos para crear un sitio web cunha das ferramentas máis extendidas, máis sinxelas e con máis posibilidades de personalización para calquera tipo de usuario: WordPress. No curso traballaranse a instalación, configuración de axustes, widgets e menús, instalación de plantillas, traballo con plugins. Imparte o deseñador e programador web Carlos Macías.

Linguaxes de marcado lixeiro (Wiki, Markdown): o deseñador gráfico e desenvolvedor web Iñaki Quenerapú imparte este curso que trata de introducir aos asistentes nas linguaxes de marcado lixeiro, coas que calquera persoa pode construír páxinas de texto ou páxinas de hipertexto (páxinas web) rapidamente e sen dificultade. Neste obradoiro traballarase con Markdown, para crear documentos de texto ben formados (ou mesmo páxinas web sinxelas) e Dokuwiki, deseñado para crear con facilidade grandes sitios web cheos de información ben organizada.

Cursos gratuítos para alumnado da ESO

Interpretación diante da cámara para ESO: Manolo Cortés, membro da compañía teatral Chévere e actor habitual en cine e televisión, dirixe este curso para estudantes de secundaria. Na parte teórica falarase do texto, os planos, a mecanización, traballar con marcas e a visualización e análise de secuencias. Na parte práctica, ensaiarase a xestualización, a linguaxe corporal e o proceso de gravación, para rematar gravando unha secuencia.

Videoclips para ESO: o obxectivo deste obradoiro é aprender a utilizar os medios audiovisuais actuais para expresar ideas e desenvolver creacións audiovisual tanto de forma individual como en grupo. No curso realizarase unha peza audiovisual que combine a narrativa clásica co videoclip e técnicas de stop motion. Será un curso práctico, con breves explicacións teóricas previas. Imparte Miguel Cameselle.

 

Máis información en: www.senunpeso.org

Categoría: Novas
Etiquetas: