ABERTA A CONVOCATORIA AO 13 FESTIVAL DE CINE INTERNACIONAL DE OURENSE

13 / 03 / 2008

O 13 Festival de Cine Internacional de Ourense, que se celebrará do 11 ao 18 de outubro de 2008, publicou a súa convocatoria, aberta a películas en formatos de 35mm ou vídeo, producidas en 2007 ou 2008. Ademais das habituais seccións oficiais (Longametraxes, Documentais e Curtas), este ano o Festival incorporou ao seu concurso dúas novas categorías: Películas de Animación e Novos Media.
En Novos Media poden participar todas aquelas producións e/ou instalacións audiovisuais de calquera duración que, utilizando formatos e/ou técnicas non tradicionais, exploren novos xeitos de creación e de comunicación co público.

O prazo de admisión rematará o 10 de xuño de 2008. O Formulario de Inscrición e as Bases do Festival están dispoñibles na web www.ourencine.org.

1.157 filmes recibidos en 2007

O Festival de Cine Internacional de Ourense celébrase anualmente. Dende a súa primeira edición en 1996, foise consolidando como mostra das producións máis destacadas do cinema independente de todo o mundo, punto de encontro para os profesionais e plataforma promotora do audiovisual de Galicia, Iberoamérica e Europa.

No 2007, o concurso do 12 festival recibiu 1.157 filmes, procedentes de 80 países. Durante os seus oito días de duración, as súas 11 salas proxectaron 196 películas (77 delas en competición).

Categoría: Novas
Etiquetas: