ABANO, FICCIÓN E PERRO VERDE FILMS PRESENTAN OS SEUS PROXECTOS NA 14 EDICIÓN DO CARTOON MOVIE DE LYON

7 / 03 / 2012

Abano Producións, Ficción Producciones e Perro Verde Films participan desde mañá, mércores, ata o 9 de marzo na 14 edición do Cartoon Movie de Lyon (Francia). As tres compañías galegas conforman a delegación do Clúster Audiovisual Galego (CLAG) no foro de cine de animación europeo, que abrirá as súas portas coa proxección do filme español recentemente galardoado con dous premios Goya, “Arrugas”.

A asistencia a este mercado está cofinanciada polo Instituto Galego de  Promoción Económica (IGAPE), a través dun convenio de colaboración co CLAG para elevar o nivel de internacionalización das empresas do sector, vixente desde o ano 2010.

A galega Perro Verde Films, entre as mellores produtoras de animación de Europa Perro Verde Films (www.perroverdefilms.com) a produtora galega que coproduciu a longametraxe de animación Arrugas, foi nominada ás Cartoon Movie Tributes 2012, galardóns cos que CARTOON – a Asociación Europea de Cine de Animación recoñece anualmente aos principais protagonistas do sector. Logo de recibir dous premios Goya, á Mellor Película de Animación e ao Mellor Guión Adaptado, a compañía optará ao premio “Produtor Europeo do Ano”, xunto coas francesas Blue Spirit Animation e Moonscoop. Os Cartoon Movie Tributes serán entregados o próximo 9 de marzo en Lyon no marco do XIV Cartoon Movie.

Dirixida por Ignacio Ferreras e baseada na novela gráfica homónima de Paco Roca, “Arrugas” é a quinta longametraxe firmada por Perro Verde Films, a produtora galega creada en 2007 por Manuel Cristóbal. Definida como unha tenra e emotiva mirada á vellez e á batalla contra o Alzheimer a longametraxe foi coproducida por Cromosoma e Elephant in the Black Box.

Abano Producións (www.abano.es) asiste ao Cartoon Movie coa película “A Tropa de Trapo na selva do Arco da Vella”, un grupo de pequenas mascotas sinte a necesidade de axudar a outros animais con moitas dificultades para sobrevivir, polo que decide saír nunha misión solidaria que lles levará ata o Val do Arco da Vella. Terán que facer acopio do seu enxeño, coñecemento e traballo en equipo para salvar a un Arco da Vella, que é o símbolo de non ter que facerse nunca grande.

A empresa Ficción Producciones (www.ficcion-producciones.com) participa nesta cita con “Tutu!”, proxecto transmedia preescolar, baseado no concepto de entretemento educativo, que abrangue diversas liñas de produto (serie de animación para televisión, web, apps e videoxogos, liña editorial e merchandising); e “Meñique”, longametraxe de animación que adapta libremente o conto Pulgarcito, actualmente en preprodución.

Cartoon Games 2012 en cifras

Máis de 700 profesionais de 35 países, 210 compradores incluíndo 90 distribuídores e máis de 50 proxectos participarán durante tres días na presente edición de Cartoon Movie, que este ano ten entre as súas novidades o evento Cartoon Games, iniciativa que se levará a cabo entre a industria da animación e as compañías de videoxogos a tarde do mércores 7 de marzo.

En total, unhas 55 novas películas e proxectos serán presentados neste foro dirixido a acelerar o financiamento, coprodución e distribución de longametraxes europeas de animación. Dacordo ás estatísticas do evento, a animación en estereoscópico 3D continúa gañando terreo en Europa ao igual que as películas dirixidas a un público máis adulto.

Categoría: Novas
Etiquetas: