A TELEVISIÓN DIXITAL EN GALICIA, A DEBATE NO FORO ACADEMIA ABERTA OS DÍAS 29 E 30 DE NOVEMBRO EN SANTIAGO

15 / 11 / 2007

A Academia Galega do Audiovisual celebra os días 29 e 30 deste mes o Foro Academia Aberta 2007, o tradicional encontro de debate da industria audiovisual galega que este ano trata sobre “A televisión dixital en Galicia: novas tecnoloxías, novos servizos”. As actividades desenvolveranse no Hotel NH Obradoiro, en Santiago de Compostela, e están abertas a todos os académicos, profesionais e estudantes.
Diversos expertos a nivel estatal e galego analizarán a situación do actual proceso de implantación da televisión dixital nos respectivos ámbitos territoriais. Esta tecnoloxía que por lei terá que substituír ao cen por cen ás emisións analóxicas no 2010 -o ano do apagón analóxico- está chamada a ofrecer unha televisión de maior calidade tanto nos seus contidos como na cobertura e transmisión do sinal.

Representantes das principais empresas concesionarias de licencias de emisión TDT a nivel autonómico e local conversarán sobre o estado dos seus proxectos e as súas previsións de inicio das emisións, ben partindo desde cero como novos actores no mercado televisivo galego, ben levando a cabo a transición ao sistema dixital desde a tecnoloxía analóxica. Así mesmo, amosarán a súa visión do mercado e a viabilidade dos novos modelos de negocio televisivo baseados na interactividade.

As asociacións profesionais e empresariais do sector audiovisual galego exporán como están a afrontar os novos modos de traballar e obter rendibilidade económica nun entorno moi condicionado polos continuos avances tecnolóxicos e que polo tanto esixe flexibilidade empresarial e reciclaxe continua dos profesionais.

O encontro dará cabida á presentación dalgúns proxectos empresariais exitosos ou en fase de desenvolvemento baseados na transmisión dixital e na internet, tanto no sector público como no privado, dentro e fóra de Galicia.

O Foro está patrocinado pola Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Consellería de Presidencia, a Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información da Consellería de Innovación e Industria, e a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deporte. Así mesmo, conta co patrocinio da Fundación Caixa Galicia.

A información relativa á inscrición no Foro e á convalidación de créditos académicos no caso de estudantes universitarios pódese obter nesta web, facendo click na imaxe do “Foro Academia Aberta 2007” publicada na portada da web ou ben chamando ao teléfono da Academia Galega do Audiovisual: 981 227 701.

Categoría: Novas
Etiquetas: