A GALA DOS PREMIOS MESTRE MATEO RETRANSMITIRASE EN DIRECTO POLA TVG EN HORARIO PRIME TIME, ÁS 22:15 HORAS DO 30 DE ABRIL

13 / 04 / 2009

Este ano, a tradicional Gala dos Premios Mestre Mateo botará unha ollada cara atrás para lembrar o pasado máis recente do audiovisual galego e render homenaxe a algún dos seus momentos máis relevantes. Farano a ritmo de humor e de música, da man do colectivo de artistas Pista Catro e da formación musical Lamatumbá, e contando con Sergio Zearreta como mestre de cerimonias. A Gala, dirixida por Jorge Coira con guión de Carlos Portela, terá lugar o venres día 30 de abril no Pazo da Cultura da cidade de Pontevedra e será retransmitida en directo pola TVG en horario prime time, ás 22:15 da noite.

Así o explicou hoxe a Presidenta da Academia Galega do Audiovisual, María Bouzas, na rolda de prensa dedicada a presentar o acto de entrega dos galardóns. María Bouzas estivo acompañada polo director mailo guionista da Gala, así como por representantes dos patrocinadores e colaboradores do evento e das actividades complementarias que a Academia organiza ao redor  da cita máis importante do audiovisual galego.

O actor Sergio Zearreta contará coa axuda de outros rostros coñecidos tanto para a apertura dos sobres notariais que conteñen os nomes dos gañadores como para a entrega dos galardóns, entre eles, Merce Castro, Jessica Figueroa, Luis Castro Zahera, Manolo Romón, Manuel Millán, Gonzalo Rey Chao, Manuel Lourenzo, Isabel Blanco, Isabel Risco, Ana Santos e Mela Casal. Así mesmo, o director artístico Suso Montero recibirá o Premio de Honra Fernando Rey, tal e como acordou a Xunta Directiva da Academia, polo seu prolífico e xenial traballo nesta especilidade da que foi pioneiro na Televisión de Galicia, ademais das súas aportacións ao cine.

A Presidenta da Academia lembrou a crecente notoriedade destes Premios, como o reflicte o aumento constante no número de candidaturas que se presentan cada ano e a expectación que se xera ao redor da celebración da Gala que, como xa é tradicional, contará non só cunha ampla asistencia de profesionais e axentes da industria audiovisual, senón tamén de personalidades da cultura e da comunicación, e da realidade socioeconómica, institucional e política de Galicia.

A Gala dos Premios Mestre Mateo 2008 ten como patrocinadores tres consellerías da Xunta de Galicia, concretamente, as de Presidencia, Cultura e Deportes, e Innovación e Industria, a través das súas direccións xerais de Comunicación Audiovisual, Creación e Difusión Cultural, e Promoción Industrial e Sociedade da Información, respectivamente. Así mesmo, conta co patrocinio do Concello de Pontevedra (Pazo da Cultura) e da Televisión de Galicia. Os colaboradores da presente edición son: Fundación Aisge, SGAE-Fundación Autor, Clúster Audiovisual Galego, Gadisa e Spica.

Actividades previas á Gala

  • Semana do Audiovisual Galego

Xunto coa Gala, María Bouzas presentou dúas actividades orientadas á promoción dos traballos finalistas dos PMM: a terceira edición da Semana do Audiovisual Galego e, como novidade, os Encontros Mestre Mateo.A Semana do Audiovisual Galego, ideada para difundir os principais traballos nominados por toda a xeografía galega e que acada a súa terceira convocatoria, desenvolverá o seu programa de proxeccións nun total de 36 salas das catro provincias, dende o 20 ao 25 de abril.

As localidades que este ano visita a Semana do Audiovisual Galego son Ferrol, Negreira, Lalín, Verín, Celanova,  Neda, Culleredo, Ares, Abegondo, Chantada, Monforte de Lemos, Cariño, Ribadavia, A Guarda, Cambados, Xinzo de Limia, Melide, San Sadurniño, Santiago, Cervo, Nigrán, Valdoviño, Porto do Son e As Pontes de García Rodríguez. Así mesmo, o circuíto chegará a nove institutos de Ribeira, Redondela, Vilagarcía, Burela, Vigo, Vilalba, Carballo e Ourense. Esta actividade, coordinada como nas anteriores edicións pola produtora MrMisto Films, está patrocinada polas direccións xerais de Comunicación Audiovisual e de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia, e ten como colaboradores á Axencia Audiovisual Galega  (Consellería de Cultura e Deportes) e ao seu programa de Cinemas Dixitais.

  • Encontros Mestre Mateo

Este ano, as xornadas de reflexión e debate entre profesionais e académicos que a AGA comezou a celebrar dende 2007 cada mes de xuño –os Encontros da Academia-, adiántanse e celébranse poucos días antes da entrega dos premios. Baixo o nome Encontros Mestre Mateo, dende o 20 ao 29 de abril os nominados nas categorías de Mellor Dirección Fotográfica, Música Orixinal, Guión, Animación, Longametraxe, Interpretación, Dirección Artística, Documentais, Curtametraxe de Ficción e Programa de TV participarán en once coloquios organizados pola Academia Galega do Audiovisual en diversos centros docentes, onde conversarán cos alumnos e outros profesionais sobre o seu traballo, tanto polo que resultaron nominados, como sobre a súa profesión en xeral.

A actividade, que conta co patrocinio das direccións xerais de Comunicación Audiovisual e de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia, terá lugar nas sedes dos centros colaboradores, que son a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Facultade de Ciencias da Comunicación da UDC, Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, Escola Superior de Arte Dramático de Galicia (ESAD), IES de Imaxe e Son de Bouzas, IES de Imaxe e Son de A Coruña, Escola Superior de Artes Cinematográficas de Galicia (EGACI), Escola Fundación TIC de Lugo, Escola de Imaxe e Son de Vigo, Conservatorio Superior de Música de A Coruña, e Casa das Campás da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra. 

Tanto a programación da Semana do Audiovisual Galego como a dos Encontros Mestre Mateo está dispoñible na portada desta web, premendo na imaxe dos Premios Mestre Mateo 2008.

Etiquetas: