A asociación Senunpeso recibe o XII Premio José Sellier

10 / 11 / 2023

A Academia Galega do Audiovisual entregou esta tarde o XII Premio José Sellier nun acto celebrado en Arty! Market, na Coruña. Carla Pérez, presidenta da Asociación Senunpeso, foi a persoa encargada de recoller o trofeo que a acredita como iniciativa recoñecida nesta duodécima edición. O trofeo foi entregado por Alfredo Sellier, descendente do cineasta que lle dá nome ao galardón. No acto tamén interviñeron o Concelleiro de Fomento e Promoción da Cidade da Coruña, Gonzalo Castro e o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra.

Senunpeso Producións é unha asociación cultural nacida no concello de Vedra en agosto de 2009. Ao longo dos anos desenvolveu numerosas actividades artelladas en torno á formación e exhibición de audiovisual galego, con iniciativas de referencia.

O 20 de setembro deste ano, un comunicado na redes sociais da asociación anunciaba o cese da súa actividade, poñendo fin a unha traxectoria comprometida con contribuír “a unha sociedade máis crítica e autoconsciente”, empregando como recurso principal o audiovisual e traballando con tres referentes: o audiovisual, o rural e Galicia.

A Academia Galega do Audiovisual recoñece co XII Premio José Sellier a unha asociación “que traballou de xeito incansable a prol da formación e da exhibición audiovisual, empregando o audiovisual como ferramenta para o encontro, a creatividade e a aprendizaxe, desde un pequeno concello da provincia da Coruña. Unha iniciativa que reivindicou con orgullo o seu cerne rural e o seu vínculo co territorio, a través de propostas de referencia para profesionais de toda Galicia como foron o Laboratorio Audiovisual de Vedra, o LAV.mov ou a convocatoria A fume de carozo. No ano da súa disolución, este premio quere ser un agradecemento a todas as persoas que a fixeron posible e un recoñecemento ao pouso que deixa en veciñas e veciños de Vedra, profesionais do sector e persoas de toda Galicia que amamos o noso audiovisual.”

O premio Sellier é un galardón que premia o labor de iniciativas salientables dentro do sector audiovisual; debe o seu nome ao pioneiro do cinema José Sellier Loup, quen, en maio de 1897 filmou, na Coruña, as primeiras películas rodadas en España con cámara Lumière.

O Premio Especial José Sellier é unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual, que conta co apoio do Concello da Coruña.

Categoría: Novas
Etiquetas: