A ASOCIACIÓN DE ACTORES E ACTRICES DE GALICIA (AAAG) INICIA O LANZAMENTO DO NOVO CATÁLOGO ON-LINE DOS ACTORES E ACTRICES GALEGOS

27 / 11 / 2008

O catálogo on-line da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, logo dun período de proba na páxina web da AAAG (http://www.aaag.es) , principia o seu lanzamento con diversos actos dirixidos ós medios, institucións e empresas do sector audiovisual e das artes escénicas.

Logo da súa presentación en rolda de prensa o día 26, na sede da Asociación, na que participaron Vicente Montoto (Presidente da AAAG), Camila Bossa (Vogal de Audiovisual da AAAG), Marta Horjales (Xerente da AAAG) , Manuel J. Fernandez Iglesias (Director Xeral de Comunicación Audiovisual), Nacho Varela ( Director–Xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia ) e Isabel Blanco ( Delegada en Galicia d a Fundación AISGE ) , está programado un acto dirixido as empresas do audiovisual e das artes escénicas o próximo 4 de decembro na Coruña, no Cultur.gal 08.

Informouse que as opinións recollidas neste tempo de directores e directoras de cine, de TV e de casting confirman a percepción que se tiña desde o inicio da xestación deste catálogo, recoñecido como unha ferramenta orixinal, innovadora, e de grande utilidade na promoción dos actores e actrices, que facilita o traballo enormemente ás productoras.

Un dos valores engadidos do catálogo on-line é o de estar deseñado para a súa actualización permanente. As fotos, os vídeos de cada ficha, e os currículos, poden ser renovados e postos ó día constantemente. Todo elo implica evidentemente un esforzo organizativo, de persoal, e por tanto económico, para a AAAG e para as entidades que fixeron posible este proxecto.

Sinalouse que a pesar da complexidade técnica e de xestión desta ferramenta, foi posible alumeala gracias a todos, e especialmente as entidades que están comprometidas con esta iniciativa xunto á AAAG: a Dirección Xeral de Comunicación, o Consorcio Audiovisual de Galicia e AISGE.

O catálogo, xa integrado na páxina web da Asociación, www.aaag.es, é visualizado por miles de visitantes, que no futuro, consideran os seus responsables, incrementarase unha vez dado a coñecer en tódolos centros de xeración de traballo para actrices e actores. Coa edición dun libro que xunto as fotos leva un CD, ponse a disposición do sector, e dos medios de comunicación, un valioso material.

Categoría: Novas
Etiquetas: