A Deputación da Coruña entrega esta tarde un recoñecemento ás boas prácticas en educación e cultura inclusiva do proxecto Un Día de Cine, promovido pola a Asociación Proxecto Máscaras e esta decidiu compartir o premio coas entidades que axudaron a levalo a cabo. Entre elas, a Academia Galega do Audiovisual, que recollerá o seu anaquiño do galardón xunto coa Fundación e a empresa Emalcsa, o Museo de Ciencia e Tecnoloxía de A Coruña (Muncyt), o Colexio Plurilingüe Calasancias e o Club do Ocio Finisterre. Compartirán escenario cos 22 protagonistas do proxecto, que recibirán camisetas co lema “Accion-ate” para que poidan invitar a outras persoas, entidades e empresas a compartir e impulsar novos proxectos que desde a cultura e a arte promovan a construción dunha sociedade de iguais.

Este recoñecemento quere salientar o papel das institucións e das persoas que coa súa colaboración fomentan a acción voluntaria e a implicación, prototipando novas realidades baseadas na inclusión e na igualdade para a evolución da sociedade. Os proxectos como o de Un día de Cine axudan a entender o voluntariado como un concepto máis amplo e asequible que permite identificar a importancia de cada achega individual, profesional ou institucional (por pequena que poida parecer) para o desenvolvemento de comunidades máis solidarias, iguais e inclusivas.