A ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL PRESENTA A SÚA NOVA PUBLICACIÓN “PAPEIS DA ACADEMIA”

12 / 12 / 2007

A Academia Galega do Audiovisual ven de editar a súa nova publicación institucional, “Papeis da Academia”, que nace co obxectivo de contribuír ao enriquecemento da reflexión e o saber sobre a creación e a industria audiovisual galega, en sintonía cos fins da propia entidade nacida en maio de 2002. Segundo sinala no limiar a presidenta da AGA, María Bouzas, Papeis supón unha oportunidade de “dar testemuño desde o ámbito académico de qué e cómo somos, cómo nos ven e cómo vemos”. Bouzas engade que “Papeis debe ser reflexo da gran pluralidade –de pensamento e de obra- que acolle a Academia”.
A primeira edición fai memoria dun ano do audiovisual galego, desde maio de 2006 a xuño de 2007 e comeza por recoller os debates celebrados pola AGA en xuño deste ano sobre “O estado das cousas” no sector, seguido do Foro Academia Aberta sobre cinematografía dixital, a medalla de ouro ao director de cine e realizador Llorenç Soler, e os Premios Mestre Mateo da pasada edición.

No apartado das colaboracións, no relativo á televisión, a publicación inclúe unha análise da audiencia da TVG na tempada 2006-2007, por Daniel Salgado Lemos, e un artigo de Eduardo Galán sobre a etapa de transición na que se atopa o audiovisual galego. A exhibición tamén ten o seu espazo, coa análise de Miguel Anxo Fernández para o periodo 2005-2007, a reflexión de Carlos Amil sobre a carreira comercial dunha película, e as cifras de billeteira en España das longametraxes comerciais de produción galega entre 1989 e 2006.

Noutro capítulo, Papeis da Academia publica o elenco de axudas institucionais que recibiu o sector no período en análise, acompañado por os artigos de Ánxela Bugallo, Conselleira de Cultura e Deporte, e de Fernando Salgado, Secretario Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia.

Recompilación de festivais e producións
Tanto os festivais como as producións quedan reflictidas nesta memoria: no primeiro caso, a Academia fixo unha recompilación de dezanove eventos cos seus respectivos palmarés e, no segundo, recóllense as fichas técnicas das cento noventa e un obras estreadas, producidas ou en fase de preprodución entre maio de 2006 e xuño de 2007. O apartado da produción complétase coas achegas de Antón Reixa, Valentín Carrera, Xosé Zapata e Jorge Algora.

Nesta primeira edición, a opinión ven da man de Angel Luis Hueso, María Liaño, Beatriz Legerén, Marcos Nine, David Pardo e Jairo Iglesias. Así mesmo, réndese tributo ás figuras recentemente falecidas de Emilio Baños Santos (1924-2007) -por Miguel Anxo Fernández-, e de Pedro Amalio López (1929-2007) -por Rubén García-Loureda-.

Como colofón, Papeis publica unha cronoloxía dos principais fitos acontecidos no audiovisual galego no periodo de estudo.

Papeis da Academia conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Presidencia. Tamén colaboran a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deporte e a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Presidencia, xunto co Consorcio Audiovisual de Galicia e o Concello de A Coruña.

Etiquetas: