A ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL PARTICIPA EN “ACHEGARTE” ESTA FIN DE SEMANA

27 / 11 / 2009

A Academia Galega do Audiovisual quere mostrar o seu compromiso co conxunto da cultura galega estando presente en AcheGarte, un acontecemento que xurde co obxectivo de dar continuidade a feira Cultur.gal que arrincou o ano pasado, e de reunir unha vez máis a miles de persoas arredor das distintas manifestacións da nosa cultura.

AcheGarte terá lugar o sábado 28 e domingo 29 de novembro en Palexco, onde a Academia contará cun stand propio no que compartir cos asistentes as distintas actividades que desenvolve ao longo do ano, así como entregar materiais informativos que axuden ao mellor coñecemento da produción audiovisual do noso país.

Dentro do marco de AcheGarte, a Academia Galega do Audiovisual será protagonista doutras dúas actividades. O sábado 28 ás 20:00 h. proxectaranse as curtametraxes A princesa alegría, premiada nos Premios Mestre Mateo 08 e creada por Rubén Coca e Daniel Alegría, e O Pintor de ceos, de Jorge Morais, que foi dobremente galardoada recentemente no Digifestival 09 de Florencia.

Por outra banda, o domingo 29 ás 17:00 h. terá lugar un encontro moi cercano entre a Academia e o público de Achegarte. O Presidente Xosé Manuel Oliveira “Pico” e os membros da Xunta Directiva Rosa Álvarez, Marcos Nine e Nani García conversarán co público sobre a razón de ser da Academia, as actividades desenvoltas en prol do fomento do audiovisual galego e as publicacións postas ao servicio da ciudadanía e os profesionais, así como as novidades que chegarán no vindeiro ano 2010.

Dende a Academia Galega do Audiovisual queremos animarvos a asistir a AcheGarte, un espazo de encontro no que coñecer mellor a nosa cultura e gozar con ela, pensado para públicos de todas as idades. ¡Esperamos vervos alí!

Etiquetas: