A ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL CONVOCA UN COLOQUIO SOBRE “POLÍTICAS PARA O AUDIOVISUAL GALEGO” DE CARA AO 1-M

2 / 01 / 2009

A Academia Galega do Audiovisual celebra este xoves día 5 de febreiro unha mesa redonda na que representantes dos tres partidos políticos con presencia no Parlamento de Galicia amosarán as políticas audiovisuais que propoñen de cara ás eleccións autonómicas do 1 de marzo.
O obxectivo da actividade é ofrecer aos aos membros da Academia a posibilidade de coñecer e contrastar estas políticas a través dun coloquio cos representantes dos tres partidos.

Os convidados son: Diego Calvo, Vicesecretario do PP de Galicia, José Manuel Lage Tuñas, Deputado e Secretario de formación do PSdeG – PSOE, e Xosé Ramón Paz Antón, Deputado do BNG.

A mesa redonda estará moderada pola xornalista Mayte Cabezas Amigo e terá lugar na sede da Fundación Caixa Galicia en Santiago de Compostela, rúa do Vilar 19, ás 18:30 horas.

Os convidados

Diego Calvo Pouso

Licenciado en Economía, especialidade de Facenda Pública e sistema fiscal, e Máster en Desenvolmento Local e Comarcal. Ten experiencia en administración de empresas e en xestión de programas de desenvolvemento local. É Vicesecretario do PPdeG e Secretario Xeral Provincial do PP da Coruña. Foi Presidente de Novas Xeracións de Galicia. É deputado autonómico dende 2003, tendo ocupado, entre outros cargos, o de portavoz na comisión da Xuventude e o de vogal na da CRTVG. Na actualidade pertence ás comisións de Sanidade, Política Social e Empleo, e Asuntos Europeos, ademais de ser portavoz na da CRTVG, Vivenda e Solo, e Xuventude e Solidariedade.

José Manuel Lage Tuñas

Licenciado en Ciencias Políticas e Administración Pública e experto en Dereito Constitucional Europeo, ocupou, entre outros cargos, o de Secretario Xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) e o de Presidente do Consello da Xuventude de Galicia. Na actualidade é membro da Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG-PSOE e dirixe a Secretaría Nacional de Formación. Ademais é deputado no Parlamento de Galicia dende 2004, onde tivo diferentes responsabilidades como as portavocías de Medio Ambiente, Deporte, Pesca e Asuntos Marítimos, Mocidade e tamén a de Medios Públicos e Audiovisual.

Xosé Ramón Paz Antón

Fundou en 1980 o grupo Na Lúa no que destaca o seu labor de compositor nos nove traballos discográficos editados ata hoxe. Na súa faceta de pintor ten participado en diversas exposicións individuais e colectivas. Ademais de participar activamente no asociacionismo cultural e profesional é o principal promotor da revista comarcal O TranVía. Foi concelleiro en Porriño e formou parte da candidatura nas eleccións galegas de 1997. Formou parte do goberno municipal do Porriño co alcalde nacionalista Raúl Francés. Dende 2005 é deputado no Parlamento Galego onde exerce a portavocía en Cultura e Deporte e ocupa o cargo de presidente da comisión de Industria e Enerxía.

Categoría: Novas
Etiquetas: