O Consorcio Audiovisual de Galicia vai participar na 24 edición do mercado de curtametraxes de Clermont-Ferrand (Short Film Market), que terá lugar do 31 de xaneiro ao 6 de febreiro de 2009 na citada cidade francesa.
O Short Film Market de Clermont-Ferrand é o mercado máis importante deste tipo de produción en Europa, e nel déronse cita o ano pasado 66 delegados de televisión, 83 distribuidores, 20 editores de vídeo, 17 provedores de VOD, 115 expositores e 428 delegados de festivais internacionais e franceses.

Neste marco o Consorcio vai acudir cun stand-paraugas xunto con outras organizacións (ICEX, FAPAE, ICAA, EGEDA, Catalan Films & TV, Canarias Cultura en Red, Junta de Andalucía, Comunidad de Madrid, Junta de Castilla-La Mancha e Comunidad Valenciana) que vai contar con varios puntos para reunións e visionados das curtametraxes.

Proxeccións

Ademais do stand como punto de encontro e promoción, no mercado haberá tres proxeccións de curtametraxes españolas que se anunciarán como “Shorts from Spain” que se desenvolverán o 2, 4 e 5 de febreiro nas salas Georges Conchon e Boris Vian.

Poden participar nas proxeccións “Shorts from Spain” aquelas curtametraxes que cumpran os seguintes requisitos:

a. Data de rexistro da produción: xaneiro de 2008 en adiante
b. Con copia subtitulada ao inglés, dispoñible en 35mm. ou Betacam
SP
c. Sen limitación de xénero e duración
d. Os produtores e/ou distribuidores das curtas seleccionadas
asumirán o compromiso de asistir a súa proxección representando
á curtametraxe.

Un xurado formado por profesionais do sector audiovisual, con demostrado criterio e experiencia no mundo da curtametraxe será o encargado de
seleccionar e programar as curtametraxes participantes.