Curso As Partes dun Todo, impartido por Jorge Coira

DATA E LUGAR:
Fin de semana 28 e 29 de Setembro
Fin de semana 5 e 6 de Outubro
Horario: 10:30h a 20:00h.
Centro Ágora. Lugar da Gramela 17
15010. A Coruña.

PRAZAS:
O número de prazas dispoñibles é de 20: 12 para intérpretes, 4 para guionistas e 4 para profesionais da dirección.
É preciso enviar un correo electrónico con datos persoais e de contacto, especificando experiencia profesional e cal é a motivación para asistir ao obradoiro. Unha vez rematado o prazo de inscición, comunicarase ás persoas interesadas se están ou non admitidas.

PRAZO:
O prazo de recepción de inscricións estará aberto dende o 9 ata o 20 de setembro de 2019.

PREZOS:
Gratuíto
As socias e socios da Academia Galega do Audiovisual estarán convidados a xantar os catro días de celebración do curso. Un curso para actores/actrices, guionistas e directores/as.

O obxectivo do curso é o de poñer en común e conectar tres das patas esenciais en toda obra audiovisual: a da dirección, a do guión e a da actuación. A idea é que uns e outros poidan comprender e afondar nas necesidades de cada unha destas funcións esenciais, coa vista posta nun aspecto que é da máxima importancia nunha rodaxe, e que con frecuencia queda esquecido na voráxine da produción: que haxa vida diante da cámara.

Os actores e actrices terán a oportunidade de confrontar os problemas cos que se atopan á hora de relacionarse con directores/as, a través dunha serie de escenas que poñeremos en pé ao longo dos catro días do curso, así como ter unha percepción directa de como é recibido os eu traballo por parte de quen escribiu os seus textos.

Os guionistas poderán poñerse na pel de actores e directores e compartir unha visión directa de cales son os elementos no guión que axudan ou obstaculizan á hora de montar as escenas.

Os directores e directoras poderán afondar en conceptos esenciais da dirección de actores (e poñelos en práctica), así como confrontar con uns e outros os problemas fundamentais no proceso de crear unha obra audiovisual interesante, emocionante e, sobre todo, viva.

ORGANIZA: Oficina de Cooperación Audiovisual do Concello de A Coruña en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual.

Fin de semana 28 e 29 de Setembro
Afrontaremos cuestións esenciais do traballo actoral desde un punto de vista teórico e práctico (coa participación activa de todos os presentes), analizaremos as relacións entre as tres partes implicadas (dirección, guión e reparto) e prepararemos grupos de traballo de cara á segunda fin de semana.

Durante a semana, cada equipo –formado por director/a, guionista e e un grupo de actores e actrices- traballará pola súa conta na preparación das escenas pactadas.

Fin de semana 5 e 6 de Outubro
Poñeremos en pé esas escenas, analizando como afectan na práctica concreta todos os aspectos plantexados durante o curso.

JORGE COIRA

Director, guionista e montador.

A súa formación, fundamentalmente autodidacta, complementouse coa asistencia a cursos e obradoiros con profesores como Michael Radford, Allan Starski, Mariano Barroso, Víctor Erice ou Isaki Lacuesta, ademais de participar na primira edición do Berlinale Talent Campus.

Como montador traballou nas longametraxes El Menor de los Males (Antonio Hernández, 2008), La sombra de la ley e El Desconocido (ambas de Dani de la Torre), pola que gañou, entre outros premios, o Goya á mellor montaxe.

En 2004 estreou a súa primeira longametraxe: O Ano da Carracha. A súa seguinte película, 18 comidas, recibiu numerosos premios, sendo seleccionada en máis de 30 festivais internacionais, e estreada en salas en países de todo o mundo.

No terreo documental, traballou en obras como Chunda Chunda, Días de Reparto ou o documental de creación ¿Qué Culpa Tiene el Tomate?, que foi estreado no MoMA en Nova York en 2009.

En televisión, ademais do seu labor en programas, publicidade e videoclips, e de dirixir unha das primeiras TVmovies galegas, Entre Bateas, o seu traballo centrouse na dirección de series, participando en series galegas como Terra de Miranda, As Leis de Celavella, Padre Casares, ou Luci (da que se está preparando actualmente un remake nos EEUU); e de ámbito nacional como El Comisario, Sé quién eres, Pelotas.

O seu último traballo é a serie Hierro, que vén de ser estreada con éxito en Movistar+, e que na actualidade está sendo distribuida internacionalmente, sendo xa estreada en máis de quince países de América e Europa.

A solicitude de inscrición realizarase enviando un correo electrónico ao enderezo producion@academiagalegadoaudiovisual.gal con asunto “Nome e Apelidos/As partes dun todo” e indicando:
– Nome e apelidos.
– DNI
– Enderezo de correo electrónico.
– Teléfono de contacto.
– Experiencia profesional (máx. 1000 caracteres).
– Motivo polo que se desexa asistir ao obradoiro (máx. 1000 caracteres).
– Categoría profesional en calidade da que desexa participar no obradoiro: Interpretación/ Guión/ Dirección*
– Indicar se a persoa interesada está asociada a AGA.

*Para aquelas persoas cun perfil profesional que se axuste a máis de unha categoría (por exemplo, guión e dirección) poden indicar orde de preferencia á hora de facer a inscrición (por exemplo, 1º dirección e 2º guión).

Constiuirase unha listaxe de espera no caso de que o número de solicitudes supere ao de prazas dispoñibles.De conformidade co Regulamento (UE) 2016/679 RGPD informámoste que a ASOCIACIÓN ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL é a responsable do tratamento dos teus datos. A finalidade do tratamento é a xestión dos datos das persoas que desexan participar no obradoiro As partes dun todo. Informámoste de que non se cederán datos a terceiros agás obriga legal.

Poderás exercitar os dereitos de acceso, rectificación, supresión e portabilidade dos teus datos, e a limitación ou oposición ao seu tratamento, a retirar o consentimento prestado e a reclamar ante a Autoridade de Control, tal e como se indica na información adicional.

Podes obter a información adicional e detallada sobre Protección de Datos recolléndoa nas nosas instalacións ou obtela na seguinte ligazón www.academiagalegadoaduiovisual.gal.

Categoría: 2019 / Formación