Entre os días 30 de setembro e 2 de outubro, a cidade de Ourense converterase no escenario do noveno Encontro de Academias de Cine e Audiovisual da Península. A Academia Galega do Audiovisual organiza esta cita, que ten como obxectivo crear un espazo de diálogo e colaboración entre as diferentes institucións do sector.
Participarán as Academias de Cine de Andalucía, Aragón, Asturias, Cataluña, Extremadura, Galicia, Valencia e Portugal.
No transcurso do Encontro terás lugar reunións de traballo internas por parte das oito academias que se reúnen este ano. A idea é a posta en común das problemáticas ás que se enfrontan as academias, tecer redes de cooperación, compartir experiencias, identificar desafíos comúns e buscar estratexias conxuntas que contribúan ao fortalecemento e á proxección do audiovisual nos distintos territorios.
Lugares de Interés Cinematográfico e reunión das academias
Un dos puntos fortes do encontro será o anuncio dos novos lugares que obteñen a distinción LIC (Lugares de Interese Cinematográfico), unha iniciativa do conxunto das Academias que busca recoñecer e poñer en valor espazos significativos para a memoria e o patrimonio do cinema.
En edicións anteriores, Galicia propuxo dous lugares que recibiron a distinción: Aldea de Facós, A Lobeira (Ourense), escenario da rodaxe en 1940 de O carro e o home, película etnográfica de Antonio Román e Xaquín Lorenzo “Xocas”, considerada unha das obras fundacionais do cinema galego e Allariz (Ourense), vila histórica declarada Conxunto Histórico Artístico, protagonista de filmes como A lingua das bolboretas de José Luis Cuerda e, máis recentemente, Cuñados ou A mazá de ouro. Este ano, todas as academias participantes anunciarán as localidades designadas como novos Lugares de Interese Cinematográfico nun evento que terá lugar o día 1 de outubro no marco do encontro.
O IX Encontro de Academias de Cine e Audiovisual celébrase no marco do Festival de Cine de Ourense (OUFF) grazas ao apoio da Deputación de Ourense.