Desde hoxe e ata o 25 de outubro estará aberto o prazo de recepción de candidaturas para os XVIII Premios Mestre Mateo, que recoñecerán as obras galegas estreadas no ano 2019 e aos profesionais que traballaron nos seus distintos departamentos técnicos e creativos. Non hai modificacións sustanciais con respecto ás bases da edición anterior, aínda así, recomendamos lelas atentamente antes de iniciar o proceso de inscrición.

Como en anos anteriores, o proceso realízase a través da web da Academia. En caso de dúbidas ou consultas, podedes poñervos en contacto coas persoas que xestionan as inscricións no correo premios@academiagalegadoaudiovisual.gal ou nos teléfonos 981 227 701 e 981 208 393, de luns a xoves de 9:00 a 17:00 horas e os venres de 9:00 a 15:00.

Deste xeito iniciamos a conta atrás para os Mestre Mateo 2020. A apertura do prazo de recepción de candidaturas é o primeiro paso dun proceso de selección que contará con dúas roldas de votacións: a primeira para escoller as obras e profesionais finalistas e a segunda para decidir as gañadoras en cada unha das vintenove categorías, que serán anunciadas, como todos os anos, na Gala de Entrega de Premios.

Enlaces de interese: os Mestre Mateo na web da Academia | Bases | Inscrición