125 anos da primeira proxección cinematográfica en Galicia

2 / 09 / 2021

O 2 de setembro de 1896 o Teatro Circo da Coruña acollía a primeira proxección de cine en Galicia. Tratábase dunha sesión previa á exhibición pública que se celebrou o día seguinte. Como reseña o xornal El Telegrama “convidados galantemente polos señores Pedregal e Ramos, [concesionarios do Teatro Circo] asistiron á noite varias autoridades e representantes da Prensa, con obxecto de presenciar unha exhibición previa das fermosas vistas do Cinematógrafo. Unha serie de fotografías instantáneas postas en movemento, ampliadas por unha poderosa lente e proxectadas sobre unha superficie branca, constitúen, en resumo, o mecanismo do Cinematógrafo”.

O Teatro Circo, tamén coñecido como Teatro Coruñés, acollía principalmente actuacións líricas, pero estaba adaptado para a celebración de diversos espectáculos. A sesión inicial foi un éxito “todos os concorrentes quedaron compracidísimos da exhibición […]. Parabenizamos aos empresarios do espectáculo e augurámoslles un grande éxito, porque o Cinematógrafo é digno de verse e admirarse. As vistas son excelentes e dun gran efecto” que continuou nas exhibicións ao público das seguintes once xornadas.

“A sesión inicial foi un éxito “todos os concorrentes quedaron compracidísimos da exhibición […]. Parabenizamos aos empresarios do espectáculo e augurámoslles un grande éxito, porque o Cinematógrafo é digno de verse e admirarse”

Esas sesións pioneiras anunciábanse como cinematógrafos, utilizando a denominación máis popular, aínda que o aparello empregado para proxectar non fose aquel patentado polos Irmáns Lumière. O xornal El Telegrama recolle a seguinte matización “estanse a realizar no Circo Coruñés os complicados preparativos que esixe a imitación do Cinematógrafo” que podería ser o Animatógrafo ou Teatógrafo inventado por Robert W. Paul en 1986.

As proxeccións continuaron ata chegar, en maio do ano seguinte, á rodaxe das primeiras pezas audiovisuais. Foi o fotógrafo José Sellier Loup, quen filmou con cámara Lumière Orzán, oleaxe; Praza de Mina e Fábrica de Gas.   

O Teatro Circo  estivo situado na área da Mariña coruñesa, fronte ás casas de García de Paredes, desde 1888 ata 1900. No ano 1901 foi derrubado para poder edificar no seu lugar o Teatro Circo Emilia Pardo Bazán. 

A información contida neste artigo pode atoparse en:

Castro de Paz, J. L e Folgar de la Calle, J. M (2013) Antes do cinematografista José Sellier en José Sellier en A Coruña: os comezos do cine español.  Imprenta Provincial. Deputacón da Coruña

Fernández Caamaño, J. M (28-12-2014) Los diez años del Teatro circo Emilia Pardo Bazán. El Ideal Gallego. https://www.elidealgallego.com/texto-diario/mostrar/2444644/diez-anos-teatro-circo-emilia-pardo-bazan

Folgar de la Calle, J. M (1987) El espectáculo cinematográfico en Galicia (1896-1920). Universidade de Santiago de Compostela

Categoría: Novas
Etiquetas: