QUEDAN 15 DÍAS PARA INSCRIBIR PELÍCULAS AO FESTIVAL INTERNACIONAL DE CINE EUROÁRABE AMAL

23 / 05 / 2012

O próximo 1 de xuño pecharase o prazo para que directores e produtores de cine inscriban as súas longas e curtas euroárabes no Festival Internacional de Cine Amal.

O Festival Amal, que terá lugar no mes de Outubro, celebrará este ano a súa X edición e, como vén sendo habitual, organizaranse diferentes actividades ao redor da cultura árabe, sendo o protagonista principal o cine. Por iso, a organización de Amal valora moi positivamente a elevada participación de diretores e produtores desde a apertura do prazo para inscribir películas.

Ata a data recibíronse un 15% máis de producións, entre longas e curtas, que na edición anterior. Porcentaxe que probablemente ascenda nestes últimos 15 días antes de pechar o prazo. Espérase que as obras recibidas superen as 700, de entre as que se fará unha criba para determinar cales pasarán a formar parte da selección oficial da X edición, podendo optar así aos nove premios en competición.

É destacable a procedencia de cada unha das obras. En total recibíronse, ata a data, producións de máis de 50 países. Entre os países árabes destacan as que proceden de Exipto, Líbano, Tunisia, Marrocos, Iraq, Palestina, Xordania e os Emiratos Árabes Unidos. Ademais, recibíronse películas de Francia, España, Alemaña, Bélxica, Italia, Canadá, Portugal, Brasil, Dinamarca e Finlandia, entre outros.

Seguindo a liña de edicións anteriores, destaca o gran volume de longametraxes documentais (34%) e de curtametraxes de ficción (38%), aínda que tamén hai unha gran presenza de curtametraxes documentais (19%) e de longos de ficción (9%). Ademais, o 72% de obras recibidas son producións, fronte ao 28% de coproducións.

Para os que queiran participar, o prazo aínda estará aberto ata o 1 de xuño. Os interesados en participar deberán entrar na páxina web do festival (www.festivalamal.es) e cubrir un formulario de inscrición ONLINE. É requisito indispensable enviar por correo unha preview copy da obra en DVD á sede do Festival en Santiago de Compostela (C/ Montero Ríos, 25 – 27).

Categoría: Noticias
Etiquetas: