PLAY-DOC PREPÁRASE PARA A SÚA DÉCIMA EDICIÓN

20 / 12 / 2013

Play-Doc Festival Internacional de Documentais celebrará en 2014 a súa décima edición. O obxectivo do certame sempre foi achegar aos espectadores películas documentais nas marxes da distribución cinematográfica comercial, mostrando os traballos máis destacados e  transgresores da colleita fílmica de cada tempada. Para isto, convócanse prazos de recepción de filmes cada ano. Para a súa vindeira edición, o festival recibiu ata o pasado 30 de novembro, momento no que se pechou a convocatoria, un total de máis de 500 películas chegadas de 40 países diferentes. De aquí sairá unha selección que procura sempre novas linguaxes no terreo do documental. O festival tamén lle dedica retrospectivas a nomes fundamentais do xénero. En edicións anteriores, pasaron por Tui grandes mestres do cinema como Artavazd Pelechian, Bogdan Dziworski, Ross Mcelwee, Jay Rosenblatt ou os irmáns Maysles.

Ao longo destes nove anos, o festival non deixou de medrar e recibir importantes recoñecementos. Caracterízase por ter consolidado un modelo diferente, de dimensións reducidas pero grande en ambicións cinematográficas, feito dende a periferia, nunha localidade pequena en Galicia. Así o destacaron importantes medios especializados españois e estranxeiros, asistentes ao festival, como Cahiers du Cinéma, Caimán Cuadernos de Cine, Sight&Sound ou Transit. A pesar dos seus limitados recursos, conseguiu alcanzar unha notable repercusión dentro e fóra de España grazas, entre outras razóns, aos importantes acordos e actividades conxuntas con outros festivais.

Adicionalmente, acadou sona polo seu compromiso de formación de cineastas, que levou o certame a desenvolver iniciativas coma os obradoiros ‘Docs in Progress’ ou ‘O retrato filmado’, canteira de documentalistas premiados con posterioridade en festivais internacionais. O seu carácter festivo e o contacto co público lograron ademais manter unha audiencia masiva, fiel e heteroxénea, que superou xa os 60.000 espectadores ao longo das súas 9 edicións.

Por último, ponse en marcha un ano máis ‘Play-Doc Support‘. Esta campaña de recadación de fondos pretende paliar os recortes orzamentarios sufridos nas últimas edicións. Quen desexe contribuír e colaborar co festival de maneira directa, recibirá descontos e/ou pases especiais para as actividades programadas. As doazóns pódense facer a través da web do festival, www.playdoc.com. Con esta iniciativa, Play-Doc busca dar solidez orzamentaria a un proxecto consolidado, que soubo atopar o seu lugar no mapa de festivais de cinema grazas á súa esixinte programación.

Categoría: Noticias
Etiquetas: