O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) comeza o vindeiro martes día 14 de setembro (18 horas, pase repetido ás 21 horas) coa súa nova programación. Ese día comeza o ciclo dedicado ao cineasta francés Maurice Pialat (1925-2003), unha completa retrospectiva que se inicia coa curta L´amour existe (1960) e a longametraxe La gueule ouverte (1974).

A nova programación presenta algunhas novidades: periodicidade bimensual; 9 sesións semanais (en vez das 8 anteriores), con 2 pases diarios de martes a venres (18 e 21 horas) e un pase os sábados, dedicado a cine galego (nova sección OFF GALICIA) e á programación infantil (CGAI Júnior: unha vez ao mes). Haberá tamén ciclos máis breves, en moitos casos de estrutura semanal, o que permitirá interrelacionar títulos e autores sempre na liña de ofrecer algunhas das estreas máis suxerentes e audaces que xurden mundo adiante.    

No mes de setembro os ciclos programados son éstes:

*MAURICE PIALAT. Proxección das súas 10 longametraxes, unha curta e a miniserie televisiva LA MAISON DES BOIS (1971).    
 *Sección OFF GALICIA. Proxección de PIC-NIC (2007) de Eloy Enciso e estrea dunha primeira montaxe de MANUSCRITOS POMPEIANOS e outros traballos de Marcos Nine.

No mes de outubro:

*PEDRO COSTA. PROCESOS
*ENCRUCILLADAS: ISAKI LACUESTA-NAOMI KAWASE
*HITCHCOCK REVISITADO
*CINE E CIENCIA: FILM STUDY CENTER OF HARVARD
Máis as seccións OFF GALICIA, FÓRA DE SERIE  e CGAI JÚNIOR.