O Cluster Audiovisual Galego (Clag) presenta o seu programa de cursos para o último cuadrimestre do ano. Dous deles céntranse no campo da produción, outro no da realización e un está a medio camiño entre ambos campos. Todos eles coinciden en que serán impartidos por profesionais de prestixio e especializados nas diversas áreas. Ademais, o Clag tamén organiza un ciclo de seminarios sobre a Propiedade Intelectual dos Contidos Dixitais entre o 17 e o 25 de novembro.

O curso Vendas e coproducións internacionais terá lugar nas instalacións do Edificio Feuga entre o 27 de setembro e o 1 de outubro. Será impartido por Paco Rodríguez (MEDIA TRAINING & CONSULTING) e María Parron (asesora xurídica de FILMAX en España) e tratará temas como o financiamento, os mercados internacionais máis importantes ou os aspectos legais ligados a este tipo de actividades.

O curso de Producións 360º impartirase entre o 18 e o 22 de outubro. Nel poñerase de manifesto as vantaxes deste modelo de produción, mediante o cal se pretende  mellorar a capacidade das empresas mediante a incorporación de técnicas innovadoras na explotación comercial ás súas prácticas habituais. Analizaranse casos internacionais de éxito e o panorama español. Por outro lado, daranse as bases a  ter en conta para levar a cabo a produción 360º: requisitos que deben ter as producións audiovisuais para a súa explotación seguindo este modelo (‘check list’), elementos básicos para un Plan de Explotación Comercial, etcétera.

No eido da realización, o curso Xeración de contidos con e para móbiles tentará facilitar a familiarización dos creadores ás novas linguaxes creativas nadas das novas plataformas de distribución cultural, así como propor un espazo de investigación para o desenvolvemento de novas obras con posibilidades de comercialización. Ao final do curso, crearanse unha ou máis obras orixinais guiadas por profesionais do sector e practicarase como presentar contidos a través das aplicacións de móbiles (iPhone & Android). As clases deste curso serán entre o 25 e o 29 de outubro.

O curso que está a medio camiño entre a produción e a realización, Xeración de contidos ‘low cost’, céntrase na aplicación do termo ‘low cost’ no sector do audiovisual: produción moi barata grazas ao desenvolvemento dixital pero cuns resultados óptimos. Nel trataranse casos reais como ‘Muchachada Nui’ ou ‘Qué vida más triste’ e desenvolveranse temas como as técnicas de programación e audiometría, plans de financiamento, internet, novas tecnoloxías, etcétera. Este curso desenvolverase entre o 15 e o 19 de novembro.

Finalmente, o 17, o 18, o 24 e o 25 de novembro, o Clag organizará un ciclo de seminarios sobre a Protección Legal dos Contidos Dixitais. Neles desenrolarase o estudo, a análise e o debate dos diversos aspectos do sector audiovisual vinculados ás telecomunicacións e a Internet (e outros medios de comunicación electrónicos). Daráselle especial importancia aos aspectos xurídicos dos diversos contidos audiovisuais en Internet (e outros medios de comunicación electrónicos).