“INEVITABLE” DE JORGE ALGORA COMPETIRÁ EN SECCIÓN OFICIAL NO FESTIVAL DE MÁLAGA

15 / 04 / 2013

“Inevitable” dirixida por Jorge Algora, cun elenco de actores de gran prestixio como Federico Luppi, Darío Grandinetti, Mabel Rivera, Antonella Costa e Carolina Peleritti, competirá pola Biznaga de Ouro na décimo sexta edición do Festival de Málaga.

A película presentarase o mércores 24 de abril a medios e público. Ao festival asistirán o director Jorge Algora e a actriz Mabel Rivera (ganadora dun Goya por Mar dentro).

SINOPSE:

Fabián (Darío Grandinetti), traballa como executivo nun banco. Trala morte dun compañeiro de traballo, entra en crise.

Mariela (Carolina Peleritti), a súa muller, é psicóloga e ten como paciente a Olga (Mabel Rivero), unha muller amargada que trata de envorcar a súa frustración sobre a terapeuta.

Fabián coñece a un famoso escritor cego (Federico Luppi), que intenta axudarlle. Guiado polos seus consellos, Fabián forza unha relación con Alicia (Antonella Costa), unha moza escultora, á que ve como o seu amor inevitable.

“Inevitable”,  é unha produción de Adiviña Producións, Zarlek Producións e Televisión de Galicia.

A música da película corre a cargo de Berrogüetto ,unha das formacións de world music máis importantes do mundo e unha das marcas galegas que funcionan no mercado internacional, pola súa mestura de paixón pola tradición musical e a experimentación na contemporaneidad.   Berrogüeto estará presente tamén no festival de Málaga ofrecendo un concerto o mesmo día 24.

Grazas á colaboración da ONCE, será a primeira vez que o Festival programe en Sección Oficial a concurso un pase especial accesible, con audiodescrición da película, para persoas con discapacidade visual.

A audiodescrición consiste na descrición oral referente á ambientación, vestiario, accións e xestos dos personaxes, aspectos que son recibidos polos espectadores con discapacidade visual presentes na sala a través de auriculares inalámbricos.

Categoría: Noticias
Etiquetas: