«¡BUEN CAMINO! SEIS PEREGRINOS, UN DESTINO» ABRIRÁ O I FESTIVAL DE CINE E TV CAMIÑO DE SANTIAGO

16 / 04 / 2013

Acabado de pechar o prazo de inscrición para o I Festival de Cine e TV Camiño de Santiago, no que competirán películas nacionais de ficción, podemos ir desvelando algo das seccións paralelas (que non competirán por premio) que teremos no festival do 3 ao 7 de xuño.

«¡Bo Camiño! Seis peregrinos, un destino» (Walking the Camiño: Six Ways to Santiago, en V.Ou.) levaba varios anos en postprodución, desde outono do 2008, cando a súa directora Lydia B. Smith regresou de facer ela mesma o Camiño. Grazas a un sinfín de colaboracións dunha gran variedade de persoas, albergues, organizacións, empresas e gobernos de diferentes rexións de España, puido completar o seu labor.

Durante seis semanas capturou as experiencias de máis de 15 peregrinos e acompañounos filmando mentres camiñaban. Así se penetra de forma máis íntima nas súas experiencias persoais, ofrecéndonos o aspecto magnético e o poder milagroso que ten o Camiño para efectuar cambios na vida dos peregrinos que o percorren.

Agora, a piques de estrearse en Estados Unidos, e tras ser seleccionado nos festivais de Ashland, Palm Springs e Newport Beach Festival, o documental comeza outro peregrinaxe en canto á súa distribución en festivales por todo o mundo e a súa posible compra por parte das televisións.

Para o seu estreo en exclusiva en Europa, Lydia B.Smith quixo contar con Santiago de Compostela, e como escenario perfecto o Festival Camiño de Santiago, que abrirá co documental a súa semana de proxeccións. O estreo, con invitación, terá lugar o día 3 de Xuño no Hotel-Monumento San Francisco e contará coa presenza da directora e parte do equipo. Ademais, poderemos gozar do documental durante esa semana nas sedes de proxección do festival: o Teatro Principal e o Salón Teatro.

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: