Ven de rematar na provincia arxentina de Laprida a rodaxe da película Campo Cerezo, na que participa a produtora galega SAGA TV, en coprodución con Arxentina e a produtora andaluza Artimagen Producciones. O filme, dirixido por Patricia Martín e coa participación especial no reparto do actor galego Monti Castiñeiras, podería estrearse no Festival de Cine de Ourense, en función do calendario final de montaxe.
Producida no marco do programa Raíces, auspiciado en Galicia polo Consorcio Audiovisual, Campo Cerezo é unha comedia que se desenvolve na Pampa Arxentina, arredor dunha humilde propiedade rural que o azar convirte en desexo dunha galería de insólitos personaxes. A presenza galega no filme refórzase co director e produtor de SAGA TV, Marcos Gallego, que participa na produción executiva, e con Xosé Luis Seara, que asumiu a dirección de arte.

Por outra banda, a Axencia Estatal de Meteoroloxía do Ministerio de Medio Ambiente ven de confiar a súa nova imaxe audiovisual a SAGA TV. A produtora galega realizará unha serie de pezas documentais para a nova Axencia -antigo Instituto Nacional de Meteoroloxía-. A gravación comezará o vindeiro luns en Izaña –Tenerife- e terá continuidade ó longo de tres semanas en Gran Canaria, Madrid, Zaragoza, Sevilla, Galicia, Santander e o País Vasco.

Esta produción documental realizarase en alta definición HDCAM, con equipos propios de gravación e edición que a produtora ven de adquirir ó amparo da recente liña de apoio ó investimento en equipos audiovisuais do IGAPE. SAGA TV sitúase así á vangarda tecnolóxica, incorporando ó seu proceso de produción o formato de máis alta calidade e de maior potencial de futuro en todo o mundo.

En paralelo a esta renovación tecnolóxica, SAGA TV está a reforza-la súa presenza nos mercados audiovisuais internacionais. A pasada Semana Santa estivo presente, baixo o paraugas de FAPAE e do ICEX, no Filmart de Hong Kong, un dos mercados audiovisuais máis importantes de Asia, sendo a única produtora con produción audiovisual galega presente no mercado asiático.

Asemade, SAGA TV foi convidada a participar no Dragon Forum de Varsovia, un taller anual de documentais cinematográficos destinado a audiencias internacionais. A produtora galega está a participar estes días no foro co seu proxecto de longametraxe A maleta de Sofía, que conta cunha axuda da Consellería de Cultura e Deporte para a produción. O comezo da rodaxe está prevista para a primavera do vindeiro 2009.