DOCE MIL EUROS PARA AS CURTAMETRAXES DE CURTAS 08

31 / 03 / 2008

O programa de promoción de curtametraxes galegos do Consorcio Audiovisual de Galicia inicia a súa quinta edición proporcionando 3.000 euros a cada unha das curtas seleccionadas.
Novamente e de xeito pioneiro o Consorcio Audiovisual de Galicia, no seu afán por dar a coñecer as curtametraxes galegas máis alá das nosas fronteiras naturais, incorpora no seu Programa Curtas 08 unha axuda económica de 3.000 euros para cada unha das catro producións que van formar parte, este ano, do catálogo Curtas 08.

Na quinta edición do Programa Curtas o Consorcio Audiovisual de Galicia decidiu incorporar importantes novidades para potenciar e promocionar aínda máis este xénero cinematográfico, que nos últimos anos está a cobrar unha grande relevancia. Por iso:

1. as curtametraxes que formarán parte de Curtas 08 van recibir unha axuda de 3.000 euros encamiñada á promoción e difusión das mesmas nos mercados e festivais nacionais e internacionais.
2. a curta gañadora do premio do público á mellor curtametraxe de animación do Festival de Cans entrará a formar parte directamente do catálogo Curtas 08. Deste xeito, o Consorcio quere garantir a promoción internacional da curtametraxe de animación galega e, ao mesmo tempo, dar entrada á opinión popular dun dos festivais de curtametraxes galegos máis interesantes.

Traxectoria

Desde o seus inicios no 2003, máis de 20 curtametraxes beneficiáronse do labor promocional levado a cabo polo Consorcio Audiovisual de Galicia nos distintos mercados e festivais galegos, do resto do Estado e internacionais nos que se distribuíron os catálogos elaborados ao efecto: Curtas 03, Curtas 04, Curtas 05 e Curtas 06.

O deambular dalgunhas das curtametraxes incluídas nos catálogos foi moi interesante, destacando, por exemplo, os seis premios acadados por “Minotauromaquia”, curtametraxe de animación pertencente ao catálogo Curtas 04.
Nesta, a súa quinta edición, o catálogo Curtas 08 vai conter 4 curtametraxes, sendo unha delas do xénero de animación.

Prestixio

Desde a primeira edición do Programa Curtas, a calidade das curtametraxes incluídas no mesmo e o formato do catálogo editado captaron a atención dos responsables de distintos organismos e institucións do Estado e internacionais que eloxiaron a iniciativa do Consorcio.

A distribución do catálogo polos distintos festivais e mercados orixinou que as solicitudes do mesmo, edición tras edición, se viran incrementadas e cunha procedencia variada (Francia, Portugal, Holanda, Reino Unido, Canadá, etc.). Programas de canles de TV, distribuidoras internacionais e axentes de vendas interesáronse pola compra dos dereitos dalgunhas das curtametraxes dos catálogos.

Colaboracións

Desde a concepción do Programa Curtas, o Consorcio Audiovisual de Galicia estableceu como estratexia de difusión das súas curtametraxes a colaboración con distintos organismos e asociacións que permitise a súa promoción.

Así pois, a colaboración que o Consorcio Audiovisual de Galicia mantén co Instituto Cervantes remóntase á edición do Curtas 03; de tal xeito que as curtametraxes galegas puideron ser vistas en Manila, Istambul, El Cairo, Chicago, Amsterdam, São Paulo, etc.

Outras colaboracións salientables foron a inclusión do Curtas 05 no programa MECAL para a súa distribución en Latinoamérica (Venezuela, Brasil), ou a mantida con Curt Ficcions para achegar as curtametraxes ao público nos cines de España, de tal xeito que as producións incluídas no Curtas 05 puideron ser vistas nos cines do resto do Estado.

Este ano, e como novidade con respecto ás anteriores edicións, o Consorcio decidiu iniciar a colaboración co Festival de Cans para que a curta gañadora do premio do público á mellor curtametraxe de animación entre a formar parte do catálogo Curtas 08.

Promoción e Difusión

Ao longo das catro edicións do Programa Curtas o Consorcio Audiovisual de Galicia levou a cabo distintas accións para promover as curtametraxes galegas internacionalmente. Entre estas accións cabe sinalar a organización de distintas Semanas de Cine Galego no exterior, en cidades como Bos Aires, São Paulo ou A Habana, nas que o público alí presente (directores e programadores de festivais, distribuidores, axentes de vendas, expertos e afeccionados ao cine, etc.) puido coñecer de primeira man o que se fai en Galicia a nivel das curtametraxes.

Por outra banda, o Consorcio promoveu e distribuíu os catálogos do Programa Curtas nos festivais de curtametraxes más importantes do mundo, propiciando deste xeito a presenza das curtametraxes galegas no Festival Cinémas D’Espagne et d’Amérique Latine de Bruxelles (Bélxica), no Cinema Jove de Valencia, no Festival de Curtametraxes de Villeurbanne (Francia), no Festival de Évora (Portugal), no Short Shorts Film Festival (Xapón), no Festiberico (Holanda) ou no VIVA, Spanish & Latin American Film Festival (Reino Unido).

Sen esquecer o seu obxectivo de promover e difundir a cultura galega, o Consorcio distribuíu os catálogos de Curtas, desde a súa primeira edición, entre os distintos medios de comunicación, ademais de diferentes institucións culturais (centros educativos, institucións e organismos galegos, etc.), filmotecas e institucións estatais. Edición tras edición o número de organismos e institucións que solicitan o catálogo vai medrando, indicando así o interese e a expectación que este programa esperta.

Nesta quinta edición o Consorcio seguirá a desenvolver o seu labor de promoción e difusión das curtametraxes galegas ca elaboración dun novo catálogo (Curtas ’08) que conterá un DVD coas catro curtametraxes en versión orixinal, ademais das súas versións subtituladas ao inglés e francés, unha ficha técnico-artística e a sinopse de cada unha das curtas en catro idiomas (galego, castelán, inglés e francés) e a biofilmografía de cada un dos directores neses catro idiomas.

Categoría: Noticias
Etiquetas: