ENTREGADOS OS PREMIOS DO I CONCURSO DE CURTAMETRAXES CO MÓBIL DA REDE CEMIT DA XUNTA DE GALICIA

8 / 06 / 2012

O pasado mércores tivo lugar en Santiago de Compostela a entrega de premios aos gañadores do I Concurso de Curtametraxes co Móbil, convocado pola Xunta de Galicia para difundir as posibilidades que ofrecen as Aulas da Rede CeMIT na formación en novas tecnoloxías. Estaba reservado a xoves da ESO e Bacharelato galegos, e gañou unha curta do IES Terra de Soneira de Vimianzo. 

Presentáronse ao concurso 22 curtametraxes realizadas co móbil, por alumnos de entre 14 e 20 anos matriculados na ESO ou no Bacharelato de oito centros educativos de Galicia. A temática da obra debía expresar valores e ideas relacionados coas funcionalidades que ofrece a rede de aulas CeMIT dos distintos concellos e comarcas galegos, como referente no acceso á formación en novas tecnoloxías e o seu impacto na vida cotiá. O IES Terra de Soneira de Vimianzo (A Coruña) resultou gañador do primeiro premio coa curta Los peligros de las redes sociales, conseguindo un netbook para o centro e un Ipod para cada un dos cinco alumnos que participaron nel. O segundo premio foi para a curta Un lápiz y un viejo papel, realizado por cinco alumnos do IES Ramón Cabanillas de Cambados (Pontevedra), que tamén recibiron un Ipod cada un e unha videocámara para o centro.

Por último, o terceiro premio recaeu novamente no centro Terras de Soneira pola curta Las nuevas tecnologías. Neste caso, o galardón foi unha cámara dixital para o centro e un Ipod para cada un dos tres alumnos que elaboraron a curta. O proceso de votación realizouse mediante o sistema «Me gusta» de Facebook, a través dun espazo creado polo IMIT da Xunta nesa rede social, que recibiu 17.800 visitas en tres semanas. O acto de entrega de premios estivo presidido pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, o secretario Xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, e os alcaldes dos concellos de Vimianzo e Abegondo, de cuxas aulas CeMIT partiu a idea.

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: