CONVOCADO O CONCURSO DE CURTAMETRAXES DE ANIMACIÓN DO FESTIVAL MUNDOS DIGITALES 2012

8 / 02 / 2012

Convocouse o concurso de curtametraxes de animación de Mundos Digitales 2012, o XI Festival Internacional de Animación, Efectos Especiaos, Videoxogos e Arquitectura Dixital, que se celebrará en A Coruña do 4 ó 7 de xullo. Pódense remitir traballos para participar ata o próximo 25 de maio.

O concurso está aberto a tódalas obras realizadas ou producidas, cunha finalidade non comercial, con posterioridade ó 1 de xaneiro de 2011. Pódense remitir curtas en calquera lingua, pero os que non sexan en galego, castelán ou inglés, deberán estar subtituladas a unha delas. A inscrición debe formalizarse online, a través da páxina web do evento, www.mundosdigitales.org.

As pezas finalistas das distintas categorías do concurso incluiranse no programa oficial de Mundos Digitales 2012. Un xurado formado por profesionais do audiovisual será o encargado de fallar os galardóns. Outorgaranse un premio á mellor curta de animación, outro á mellor curta de animación nacional, e sendos premios especiais do xurado e do público. Os autores das obras finalistas terán un pase completo para asistir ás actividades do Festival Mundos Digitales 2012: conferencias, obradoiros, proxeccións, etc. Ademais, o festival encargarase dos gastos de viaxe e aloxamento para que asistan á cerimonia de entrega de premios.

Máis información en festival@mundosdigitales.org ou na web citada.

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: