O CGAI PROXECTA ALAMAR PARA FINALIZAR O CICLO XÉNEROS MUTANTES

9 / 02 / 2012

O Centro Galego de Artes da Imaxe finaliza mañá venres 10 de febreiro (18.15 e 20.30 horas) o ciclo “Xéneros Mutantes” coa proxección do filme gañador no prestixioso certame de Rotterdam 2010, a película mexicana Alamar (2009) de Pedro González-Rubio. O ciclo, iniciado no programa do CGAI nos meses de novembro e decembro de 2011, propón desterrar a noción tradicional de xénero e amosar a efervescencia de tantas propostas actuais, ao tempo que funciona como unha mostra do cine que circula polos festivais internacionais e non chega ás nosas pantallas. XÉNEROS MUTANTES:

En colaboración co Festival Internacional de Cine de Gijón, co IVAC-La Filmoteca de Valencia e coa Filmoteca de Cantabria.  

A tradicional separación entre cine de xénero e cine de autor debería desterrarse para sempre. As diferencias canónicas establecidas nos manuais de cinema xa non son operativas. En realidade, non o son desde hai tempo, mais abondaría co exemplo da serie de películas filmadas nos últimos anos que conforman o ciclo Xéneros mutantes, que parecen responder a un único interrogante: como aborda os xéneros clásicos o novo cine de autor? Esta é a formulación do ciclo, mostrar un grupo de películas contemporáneas que desde o cine independente, cos seus medios, logo, pero tamén desde unha perspectiva inequivocamente autoral se atreven a abordar os xéneros e, en moitos casos, reviralos. Caben aquí desde obras asinadas por consagrados veteranos (Kiarostami, Skolimovsky, Hellman) ata novos valores (Dupieux, Katz, Duplass, Reichardt), desde ficcións que conseguen trastornar a nosa visión tradicional dos xéneros (Ossang, Winding Refn) ata documentais que suscitan dúbidas razonables sobre o seu verdadeiro status (Losier, González Rubio) ou mesmo películas que desafían a súa adscrición a un xénero concreto (Lacuesta, Glawogger).

ALAMAR  
 
(México, 2009)
Dirección, guión e fotografía: Pedro González-Rubio. Produción: Mantarraya Producciones e Xkalakarma. Intérpretes: Jorge Machado, Roberta Palombini. Duración: 73 minutos.  
Vencedora en Rotterdam 2010, un filme mexicano directo, poético, sinxelo, sensorial, baseado na procura da esencialidade, que toma como obxecto de estudo a vida dos pescadores do Banco Chinchorro, zona de arrecifes coralinos no estado mexicano de Quintana Roo. A íntima, intensa relación entre un pescador, Jorge, de ascendencia maia e Natan, o seu pequeno fillo de cinco anos, froito da relación cunha muller italiana, Roberta, marca a historia: separados Jorge e Roberta, Natan axiña marchará a Roma para se instalar alí coa nai.    

Categoría: Noticias
Etiquetas: