O CGAI PROGRAMA UN CICLO ADICADO A FEDERICO FELLINI

30 / 01 / 2012

O Centro Galego de Artes da Imaxe comeza mañá martes día 31 de xaneiro (18.15 e 20.30 horas) un ciclo dedicado ao cineasta italiano Federico Fellini coa proxección de Los inútiles (1953). A retrospectiva, completa, prolongarase nos vindeiros meses. 
FEDERICO FELLINI:
En colaboración con Donostia Kultura, IVAC-La Filmoteca de Valencia, Filmoteca de Navarra. 
O cineasta italiano Federico Fellini (Rimini, 1920-Roma, 1993) é, sen dúbida, un dos grandes mestres da historia do cine. Xenio e ser único en perpetua ebullición creadora que alcanza a ter control absoluto sobre os seus traballos, o director de Rimini aparece hoxe un tanto esquecido ou reducido –os tópicos do barroquismo, o solipsismo e a melancolía- como referente e obxecto de estudo, polo que o completo ciclo proposto establece unha relectura da súa traxectoria. Fellini posúe unha obra que permanece xa non só como legado cultural e artístico rico e singular senón tamén como enlace, sempre de xeito persoal e independente, con etapas e momentos claves da historia da cinematografía italiana e do decurso do propio país. Gañador de cinco Oscars de Hollywood, premiado en Cannes e Venecia, mito popular en vida -varias das películas levan o seu propio nome no título, o estudo romano Cineccità está nas rodaxes ao seu enteiro servizo, xenera ata vocablos introducidos no acervo popular: o termo paparazzi en La Dolce Vita, 1960-, o seu singular emprego de realismo e fantasía permite descubrir constantemente aspectos novos na súa filmografía, produto da súa laboriosa escritura fílmica.
O seus comezos na Italia da 2ª Guerra Mundial e a paisaxe acre da posguerra como debuxante de cómics, escritor na radio e guionista de títulos emblemáticos do espertar neorrealista (clásicos como Roma, ciudad abierta ou Paisà) fan que á veta satírica pronto se lle engadan capas de complexidade. Se a ópera prima El jeque blanco (1951) explicita a vertente humorística, a herdanza neorrealista moviliza os títulos exitosos que se suceden, La Strada (1954) ou Las noches de Cabiria (1957), protagonizadas pola súa compañeira eterna, Giulietta Masina, actriz fetiche (ao igual que no eido masculino configurará un alter ego co talento de Marcello Mastroianni). Os límites realistas explorados marcan primeiro a entrada na modernidade (La Dolce Vita) e logo a presenza do antroido como elemento configurador e organizativo, unha peculiar concepción do tempo, a construcción dos espazos e o ton mortuorio orixinan unha lúcida metáfora da incerteza. Desde Ocho y medio (1963) Fellini mestura inventiva, carácter poético, a estilización dunha abraiante posta en escea que in crescendo alcanza a lucidez máis amarga (Casanova, 1976) despois de atravesar o terror (Toby Dammit, 1968) e os itinerarios da memoria (Amarcord, 1974), preludios dunha etapa final catódica, menos coñecida e máis íntima, onde a autoconsciencia e a reflexión sobre a imaxe son de novo instrumento de experimentación.         
A publicación dun monográfico, o número 7 da nova etapa da publicación especializada Nosferatu, amplia e completa esta aproximación á obra do cineasta italiano. O ciclo segue nos vindeiros meses.

Martes 31 de xaneiro (18.15 e 20.30 horas)
I VITELLLONI / LOS INÚTILES   
Federico Fellini, 1953. Con Alberto Sordi, Franco Interlenghi, Franco Fabrizi. 101’.   
Nunha pequeña cidade de provincias de costa, cinco amigos, un grupo de preguiceiros (ou vitelloni, neoloxismo) pasan as horas nos cafés. Fausto, casado, xoga a ser un seductor; Alberto vive cheo de complexos; Riccardo é un tenor de talento; Moraldo un soñador e Leopoldo quere triunfar como poeta. Fellini adquire madurez ao tempo que vai introducindo os seus elementos fundamentais e omnipresentes (sofisticación na posta en escea, modos visuais subxectivos, uso sutil do material autobiográfico, dotes de observación e humor, mundos pechados, filia por antroido, mar ou espazos de contraste, música de Nino Rota) nunha traxicomedia que filtra o espírito demoledor da posguerra. León de Plata en Venecia 1953.      
 
Mércores 1 de febreiro (18.15 e 20.30 horas)
LA STRADA   
Federico Fellini, 1954. Con Giulietta Masina, Anthony Quinn, Richard Basehart. 108’.  
Gelsomina, unha moza introvertida e inocente, é vendida pola súa nai a Zampanó, un artista ambulante de carácter violento. Pese aos maltratos, Gelsomina é feliz coa súa nova vida nómade, viaxando por toda Italia, especialmente desde que comeza a participar no espectáculo de Zampanò. Gran éxito popular, partitura eterna, consagración de Giulietta Masina e Oscar de Hollywood á mellor produción foránea máis León de Ouro en Venecia, unha exploración xa clásica -mítica, poética, plena de compoñentes máxicos- de Fellini polo mundo dos espectáculos populares (lembremos que os seus dous primeiros filmes aludían respectivamente aos cómicos de vodevil e a fotonovela) itinerantes, os circos e feiras polos que sentía fascinación, un feito determinante para entender a súa concepción e vocación artística.    

Xoves 2 de febreiro (20.30 horas)
IL BIDONE /ALMAS SIN CONCIENCIA   
Federico Fellini, 1955. Con Broderick Crawford, Richard Basehart, Franco Fabrizi, Giulietta Massina. 95’.  
Cinco días na vida de tres estafadores (Augusto, Picasso e Roberto). A tipoloxía do engano comeza co seu disfraz de clérigos para cobrar misas polas almas dos mortos; destinatarios, xente humilde. A obra de Fellini máis incomprendida deste periodo, eclipsada no Festival de Venecia por filmes de Dreyer e Antonioni e obrigada a cortes de montaxe, aparece como unha prolongación de Los inútiles, cos protagonistas practicando o bidonismo, entendido como arte da simulación e da mentira. De novo a herdanza neorrealista é sobrepasada pola reflexión constante sobre os mecanismos de creación, do xogo e a manipulación, o discurso sobre o paso do tempo e a ironía observacional latente. Un título a redescubrir cunha escena final inesquecible.  

Venres 3 de febreiro (18.15 e 20.30 horas)
LA NOTTI DI CABIRIA /LAS NOCHES DE CABIRIA   
Federico Fellini, 1957. Con Giulietta Masina, Amadeo Nazzari. 111’.  
Cabiria, unha moza doce e inocente, traballa como prostituta en Roma. Todas as noites sae coa esperanza de atopar a un home a quen amar que a afaste do traballo na rúa. Fracasa sempre. Todos resultan ser vividores, aproveitados, tipos violentos, chulos e/ou ladróns. Un día aparece un tímido contable, Oscar, no que Cabiria pon as súas esperanzas de salvación. Segundo Oscar á mellor película de fala non inglesa para Fellini. A estrutura episódica e a carencia de moralina (fuxida da moral burguesa e católica) prefiguran xa La Dolce Vita (1959). Premios para Fellini e Masina en Cannes, San Sebastián e David di Donatello. 

Mércores 8 de febreiro (20.30 horas)
OTTO E MEZZO / OCHO Y MEDIO   
(Italia, 1963)
Dirección: Federico Fellini. Guión: Federico Fellini, Ennio Flaiano, Tullio Pinelli e Brunello Rondi. Produción: Cineriz. Fotografía: Gianni di Venanzo. Intérpretes: Marcello Mastroianni, Anouk Aimée, Sandra Milo, Claudia Cardinale. Duración: 138 minutos. 
Un director de cine, Guido Anselmi (Marcello Mastroianni), atravesa unha profunda crise creativa. Mentres procura as desexadas fontes de inspiración, vaise sumir progresivamente nos seus recordos, soños, pantasmas e alucinacións. No balneario no que prepara o filme, muller, amantes, actrices, produtor, crítica, todos tratan de influir en Guido. El decide realizar a película en base a estas vivencias, unha xuntanza de presente, pasado e fantasías. Un filme fascinante, inagotable, de ambicioso (e satisfactorio) afán totalizador, rei do subxénero «cine dentro de cine», o preferido do seu autor, decisivo e pai de tantos cineastas e filmes alleos. Produto dun proceso de rodaxe paralelo parcialmente ao que o filme descrebe, obtivo un enorme éxito, incluido o terceiro Oscar para Fellini, gañando a película tamén o galardón ao mellor vestiario.

Xoves 9 de febreiro (18.15 e 20.30 horas)
I CLOWNS / LOS CLOWNS  
(Italia-Francia- República Federal de Alemaña, 1971)
Dirección: Federico Fellini. Guión: Federico Fellini e Bernardino Zapponi. Produción: RAI (Italia), ORTF (Francia) e Bavaria Films (RFA). Fotografía: Dario di Palma. Intérpretes: Riccardo Billi, Tristan Rémy, Anita Ekberg. Duración: 85 minutos. 
A admiración polo circo (e a traumática experiencia iniciática cos paiasos na súa infancia) da lugar a un dos filmes menos coñecidos do seu autor, un tributo tan explícito como elaborado ao mundo circense e a figura concreta do clown en tres compases. Encargo da RAI, ficción e non ficción mesturadas serven para ofrecer unha reflexión crepuscular, un réquiem acompañado de entrevistas e actuacións, outra impugnación ao relato clásico e ás formas canónicas do documental, logo da memorable experiencia de Block-notes di un regista (1969), sobre o proxecto fallido de Mastorna.           

Martes 14 de febreiro (20.30 horas)
GIULIETTA DEGLI SPIRITI / GIULIETTA DE LOS ESPÍRITUS  
(Italia-Francia, 1965)
Dirección: Federico Fellini. Guión: Federico Fellini, Ennio Flaiano, Tullio Pinelli e Brunello Rondi. Produción: Federiz (Italia) e Francoriz (Francia). Fotografía: Gianni di Venanzo. Intérpretes: Giulietta Masina, Mario Pisu, Sandra Milo. Duración: 145 minutos. 
Giulietta vive unha existencia tipicamente burguesa. É unha dama acomodada, ociosa, cunha casa fermosa e un home profesionalmente prestixioso que a engana. Ela intenta dar forma aos fantasmas que foi acumulando por represión. Pesadelos, voces, visións, orxías, outro filme que explora abertamente o onírico e o inconsciente colectivo (o interese de Fellini, pouco intelectualizado en tantos aspectos, por Jung), unha sorte de complemento feminino ao protagonista de Ocho y Medio co engadido expresivo do uso exuberante e intelixente da cor. Globo de Ouro á mellor película estranxeira.

Mércores 15 de febreiro (20.30 horas)
FELLINI-SATYRICON / SATIRICÓN   
(Italia, 1969)
Dirección: Federico Fellini. Guión: Federico Fellini, Bernardino Zapponi e Brunello Rondi, sobre a narración clásica de Petronio. Produción: Alberto Grimaldi. Fotografía: Giuseppe Rotunno. Intérpretes: Martin Potter, Hiram Keller. Duración: 135 minutos. 
Encolpio síntese frustrado porque o seu amante Gitone foi a parar aos brazos do seu amigo Ascilto. A procura do amante, a perda e o encontro co seu rival marcan os seus desprazamentos por unha Roma decadente, extraída do orixinal literario de Petronio, unha das escasas aproximación -por suposto moi libre, aínda que o texto matriz de por sí era fragmentario- de Fellini á literatura. Superprodución (90 platós construidos nos estudios de Cinecittà) colorista con compoñentes épicos, pero antítese do peplum, trata a amoralidade e a libre sexualidade na Roma clásica e chegou a estrearse no Madison Square Garden de Nova Iorque ante 10.000 persoas. No reparto deste mosaico de novo con estrutura de filme de carreteira (ou conto picaresco), caras coñecidas como Capucine, Lucía Bosé, Magali Noël e Alain Cuny.

Xoves 16 de febreiro (18.15 e 20.30 horas)
ROMA   
(Italia-Francia, 1972)
Dirección: Federico Fellini. Guión: Federico Fellini e Bernardino Zapponi. Produción: Ultra Films (Italia) e Les Artistes Associés (Francia). Fotografía: Giuseppe Rotunno. Duración: 119 minutos. 
Aproximación colage (aparentemente) documental e moi persoal de Fellini á cidade de Roma. Plasmación do proxecto Moraldo in città, da propia chegada dun Fellini mozo á Cidade Eterna (comezo do filme) e das súas concepcións sobre a cidade como mito, como ente físico, como espazo oculto ou clandestino (prostíbulos, teatro de variedades, Igrexa,…). O cruce de sensacións ambivalente artella unha suxerente pugna entre o real e o onírico. Premiada en Cannes e nomeada ao Globo de Ouro. Aparicións de Anna Magnani e o escritor Gore Vidal.

Venres 17 de febreiro (18.15 e 20.45 horas) 
AMARCORD  
(Italia-Francia, 1974)
Dirección: Federico Fellini. Guión: Federico Fellini e Tonino Guerra. Produción: FC Produzioni (Italia) e PECF (Francia). Fotografía: Giuseppe Rotunno. Intérpretes: Pupella Maggio, Magali Noël. Duración: 127 minutos. 
Filme de inspiración autobiográfica (Amarcord significa as miñas lembranzas). Os anos xuvenís do autor nun pobo da costa Adriático, aquí Borgo (sobre 1935), émulo de Rimini. A perspectiva do cativo protagonista, Titta, constrúe o que é un auténtico relato polifónico onde se desvela a existencia dun complexo e tenro entramado (os pais do rapaz, un tío desequilibrado, a escola, os visitantes dun hotel de luxo, un barco trasatlántico, o cine, o acoso por parte do fascismo,…), en definitiva a vida cotiá do lugar. Poética, irónica, episódica, caricaturesca sen ambaxes (o legado do cómic na obra de Fellini) e chea de estilizacións e momentos antolóxicos, foi o último gran éxito comercial do director italiano. Cuarto Oscar de Hollywood.

Categoría: Noticias
Etiquetas: