O Centro Galego de Artes da Imaxe dedica hoxe, xoves 29 de setembro unha sesión (20.00 horas) ao centenario do literato galego Álvaro Cunqueiro (1911-1981). Rescátanse traballos inspirados na súa obra ou con intervención súa, fortalecendo a homenaxe tributada durante todo este ano e o propio congreso (MIL E UN CUNQUEIROS) que se celebra nestes días organizado polo Consello da Cultura Galega. A entrada é gratuíta.

GALICIA   
(España, 1966)
Dirección: Claudio Guerín Hill. Guión: Álvaro Cunqueiro. Produción: X Films. Fotografía: Francisco Madurga. Duración: 30 minutos.  
Texto de Álvaro Cunqueiro para un traballo documental do solvente e prematuramente falecido Claudio Guerín Hill (1938-1973). Un recorrido histórico por Galicia como se dunha biografía se tratase. Con enorme precisión narrativa divídese en tres bloques, atendendo aos diversos periodos: a Galicia histórica, a medieval e a romántica. Accésit do Ministerio de Turismo de 1967. Este mesmo ano Cunqueiro elabora o texto de Xantares de Pedro Olea, achegamento á gastronomía galega.

OS OUTROS FEIRANTES: O VERDUGO   
(España, 1989)
Dirección: Xosé Cermeño. Realización: Miguel Piñeiro. Produción: Galaxia e TVG. Intérpretes: Alfredo Landa, Anxo Mora. Duración: 30 minutos.  
Terceiro dos seis episodios desta adaptación de narracións de Cunqueiro. Un home vai ser axustizado; para facer o tránsito con coñecemento, chega á vila o verdugo, e para facilitar o seu digno enterramento está Agustín, que tira da carreta onde ven un ataúde verde, pois o mozo decidíu romper coa negra cor mortuoria. Atópanse, séntense afíns e xuntos pasan esa xornada. O verdugo, moi considerado socialmente en Valladolid, está contrariado polo pouco afecto que lle mostra a xente pero atopa en Agustín a un interlocutor ó que abraia coas súas andainas e coñecementos.

XANTARES   
(España, 1966)
Dirección: Pedro Olea. Guión: Álvaro Cunqueiro. Produción: TVE. Fotografía: José Luis Alcaine. Duración: 30 minutos.
Pertencente á serie de TVE “Conozca usted España”, unha viaxe gastronómica por Galicia con texto de Cunqueiro, presentación de Edgar Neville e dirección dun mozo e interesante director, Pedro Olea (El bosque del lobo, Un hombre llamado Flor de Otoño).