Continuando coa iniciativa posta en marcha o ano pasado nestas datas, a Academia Galega do Audiovisual celebra dende esta semana as súas segundas xornadas de reflexión sobre “O estado das cousas” no eido audiovisual galego e que nesta ocasión reciben o nome de Encontros Virtuais, xa que se desenvolven a través de foros de Internet abertos para este fin na web da Academia.
As xornadas, nas que poden participar todos os socios e socias da AGA, foron deseñadas dende a súa primeira edición como un marco no que, unha vez ao ano, os profesionais do audiovisual se paren a reflexionar e debater sobre diversos aspectos da realidade do sector en cada momento.

Na presente edición, os catro temas elixidos e que dan nome a outros tantos encontros virtuais son, por orde de celebración: “O clube dos 13”, “Literatura e cinema: Serezade ante o meigo”, “A lingua fendida. O audiovisual e o galego” e, finalmente, “Premios e galas”.

Os foros abriranse gradualmente na web da Academia e cada un deles terá un mes de duración. Como punto de partida para a análise e discusión, cada foro arrincará cun “relatorio virtual” ou documento encargado pola Academia a un experto, no que este aporta a súa visión do tema en cuestión.

O primeiro foro, en marcha dende hoxe luns, parte do manifesto do Clube dos 13, asinado por trece profesionais do cinema francés como resultado da súa posta en común sobre as dificultades que atopa a producción fílmica en Francia na actualidade. O obxectivo é valorar as similitudes co caso galego e debullar entre todos as posibles liñas de actuación para a mellora do sector.

As datas de apertura dos seguintes foros son: “Literatura e cinema, Serezade ante o meigo”, o 20 de xuño, partindo do relatorio virtual elaborado por Suso de Toro, no que defende que artes distintas como a literatura e o cinema teñen problemas semellantes. “A lingua fendida. O audiovisual e o galego” comezará o día 25 do mesmo mes, coa presentación de Raúl Veiga, quen analiza o momento que atravesa o galego dende a perspectiva do audiovisual, partindo de preguntas como “¿que galego no noso audiovisual?”. Finalmente, o remate ven da man do foro “Premios e galas”, aberto dende o 30 de xuño, no que Xosé Castro “Pato”, aporta a súa opinión e plantexa se os Premios Mestre Mateo que otorga a Academia na súa Gala anual “son realmente o tipo de premios e o tipo de gala que queremos os socios”.

Os resultados das intervencións e debate entre os socios e socias nestes catro foros publicaranse no anuario Papeis da Academia Galega do Audiovisual 07-08.