As xornadas 100 anos de memoria. Sofía Casanova, reporteira de guerra, que terán lugar os vindeiros 15 e 16 de decembro no CGAI da Coruña e no Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela.

No centenario da I Guerra Mundial, tamén chamada «la Grande Guerre», cómpre, ademais de situar os feitos, os acontecementos e a memoria, identificar e visibilizar as persoas que tiveron un papel relevante na transmisión de información nese momento. Este é o caso de Sofía Casanova (A Coruña, 1861 – Poznan, 1958), reporteira na fronte oriental (Rusia, Polonia, etc.), que realizou as crónicas que permitiron ao xornal ABC dar información periódica, veraz e documentada sobre a contenda. Esta muller, pioneira no seu traballo xornalístico, forma parte desas primeiras reporteiras esquecidas e invisibilizadas que están preto dos campos de batalla para elaborar un traballo que implica importantes dificultades. 

O documental-ficción A maleta de Sofía, dirixido por Marcos Gallego, aborda a inmensa tarefa vital, profesional, familiar e literaria dunha destas mulleres: Sofía Casanova. A complexidade das súas ideas e posicionamentos na súa vida, o seu inmenso mundo de relacións e tertulias, en Madrid, Polonia e na Galiza. Son máis de noventa anos de vida, amosados neste filme, cunha inmensa riqueza de visións e opinións. Os tempos que Sofía viviu foron tempos mudábeis, de catástrofes e de novos proxectos. O documental vai pasando por todos eles, situando a Sofía Casanova no seu percorrer vital, profesional, persoal e cunha calidade de contidos e de imaxe que fan da súa visión un repaso pola Europa convulsa do século XX. Unha viaxe iniciática, sempre na compaña da maleta.

Coa proxección de A maleta de Sofía e debates propostos nestas xornadas, o Consello da Cultura Galega, a través da súa Comisión de Igualdade, quere contribuír á difusión e re-coñecemento da vida e obra desta importante xornalista.

 

Luns, 15 de decembro

Centro Galego de Artes da Imaxe

A Coruña

20:00 horas

Presentación: Narciso de Gabriel

Proxección A maleta de Sofía

Mesa redonda: María Filipowicz-Rudek e Rosario Martínez Martínez

 

Martes, 16 de decembro

Consello da Cultura Galega

Santiago de Compostela

17:00 horas

Presentación: Encarna Otero Cepeda

Proxección A maleta de Sofía

Mesa redonda: María Filipowicz-Rudek, Marcos Gallego e Marta Pérez Pereiro

 

Máis información e inscrición