“X NADA”, NA RECTA FINAL AOS GOYA

16 / 12 / 2009

A curtametraxe galega codirixida por Toni Veiga e Dani de la Torre e producida por Ficción Producións, X nada, pasou a primeira fase de preselección dos Premios da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España, formando parte das dez curtametraxes dos que sairán os catro nomeados na categoría de mellor curto de ficción.

A curta, que opta agora ao seu galardón máis importante, xa conta no seu haber con cinco premios e unha trintena de seleccións en importantes festivais nacionais e internacionais (Portobello, Bogotá, Curtocircuito, Cans, Boca del Lobo, Cortogenia, Baumann…).

X nada, unha alegación en contra do acoso e a violencia entre a xuventude, narra de forma trepidante unha realidade ficcionada a través dunha estética e un enfoque propios do documental, con cámara ao ombreiro, plano imperfecto e idea de neutralidade, que o converten nunha “fiestra indiscreta”, a través da que se mostra ao espectador unha das fatalidades da nosa sociedade actual.

O equipo e a produtora, independentemente do resultado final da preselección, non teñen máis que agradecer a resposta por parte de público e crítica que está tendo a curtametraxe, considerando un gran logro para todos chegar ata esta fase.

Categoría: Noticias
Etiquetas: