A TVG puxo en marcha o concurso “CRTVG busca… reporteiros”, co obxecto de achegar os contidos da nova páxina web aos usuarios, facéndolles partícipes da experiencia de contar unha historia.

Tódalas persoas interesadas no mundo da creación audiovisual, a partir dos 15 anos, poderán concursar realizando un vídeo-reportaxe inédito, de entre 1 e 3 minutos de duración, de temática libre, que pode ser real ou de ficción, no que estean presentes referencias aos programas, informativos, formatos ou contidos en xeral da Televisión de Galicia ou da Radio Galega. As bases completas están na web http://beta.crtvg.es/crtvg/concursos. Estes traballos téñense que enviar, antes do 6 de xullo, á CRTVG, en formato mp4 ou DVD Vídeo, nun sobre xunto a unha ficha técnica, firmada pola persoa que dirixe o reportaxe, que inclúa os datos persoais e de contacto do autor, breve sinopse, e fotocopia do DNI ou documento análogo. A dirección de envío dos materiais é: Compañía de Radio-Televisión de Galicia. Servizo de Innovación e Novas Canles. San Marcos – 15820 Santiago de Compostela.

Cada concursante poderá participar co número de reportaxes que desexe, se ben suxeitos a unhas condicións: os vídeos que inclúan menores contarán co permiso de pais ou titores para a súa difusión a través das diferentes canles da CRTVG; non se admiten obras que inciten ao racismo, á xenofobia, á violencia de xénero, á homofobia, etc; non facer publicidade; e deberán presentarse en galego ou subtitulados a dita lingua. A CRTVG abrirá unha páxina en Facebook onde se colgarán as obras recibidas, que poderán ser votadas, os días 11 e 12 de xullo, mediante o botón “Me gusta”. Entre as dez reportaxes máis votadas, un xurado formado por persoas de prestixio do mundo audiovisual elixirá o gañador, que recibirá un premio consistente nun iPad de última xeración. Valoraranse a súa orixinalidade, e as referencias que faga á TVG ou a Radio Galega. A entrega do galardón será o 14 de xullo.