O pasado venres 17 de xuño, tivo lugar na Casa da Cultura de Boiro a entrega de premios do III Concurso Audiovisual Galego OlloBoi, que organiza o colectivo Rodaxe. Impúxose a obra Tourettes.

O certame OlloBoi estaba aberto a curtametraxes de ficción ou documentais realizados por membros da comunidade escolar galega. Entre os 75 que se subiron a portais de vídeos online, o premio OlloBoi ao mellor traballo, dotado con 300 euros, foi para Tourettes, presentado polo Centro Integrado de Formación Profesional A Farixa de Ourense. Pola súa parte, o premio OlloBoi Escolar, dotado con 100 euros, recaeu en Contradanza, un videoclip elaborado por un alumno do instituto As Barxas de Moaña.

O premio Impinxidela ao mellor traballo en lingua galega, dotado con outros 100 euros, obtívoo A saia de Carolina, realizado por dous profesores do instituto María Soliño de Cangas. Por último, o premio do público, decidido polos visitantes á web http://rodaxe.info, recibiuno Biblioman, elaborado por alumnos do instituto Fontem Albei de A Fonsagrada. En total, contabilizáronse máis de 1.800 votos. A gala de entrega de premios conducírona Luis Avilés e Miguel de Lira.