A TVG ESTREA ESTA TARDE ÁS 16H A SERIE DIARIA O FARO, PRODUCIDA POR ATLÁNTIDA MEDIA

14 / 10 / 2013

Emocións tan recoñecibles como o amor, os celos, a vinganza, a ambición, a amizade ou a coraxe encherán a partir deste luns as sobremesas da Televisión de Galicia, que hoxe estrea O faro, unha serie de 120 capítulos de 50 minutos de duración producida por Atlántida Media para as televisións autonómicas. Esta nova ficción supón unha iniciativa pioneira, xa que se trata da primeira vez que se pon en marcha en España unha coprodución entre as 11 canles agrupadas en FORTA (Federación de Organismos de Radio e Televisións Autonómicos), xunto con Canal Extremadura. O faro, que se emitirá na Galega de luns á venres ás 16.00 h., narra unha gran historia de amor e superación con varios elementos diferenciadores que a converterán nunha serie moi atractiva para a audiencia. A multitude de tramas de amor, celos, superación e fracasos que achega transcorren nun polígono empresarial dunha localidade que podería estar situada en calquera recanto da xeografía española. O nome que lle dá título á serie é o do querido restaurante familiar dos Peña, o lugar onde se reúnen os amigos, clientes e traballadores do polígono e onde discorre a historia dunha familia que intenta sacar adiante o seu negocio malia o enfrontamento que mantén coa familia Muñoz, dona da empresa Os Samanes, que pretende mercar as súas propiedades para construír unha estrada. Este restaurante familiar onde se serve comida caseira é un lugar moi querido por todos e nel acaban confluíndo todos os personaxes, xa que é case un refuxio para moitos dos protagonistas. Pero a vida deste entrañable e apracible lugar que se mantivo en pé durante décadas vai cambiar para sempre, xa que o negocio que montaron os pais de Fina (Luísa Merelas) está ameazado, o que fará que os espectadores teñan a alma nun puño por saberen cal será o futuro do restaurante. Ademais, xusto cando non debían coñecerse nin cruzarse, o destino dos fillos de ambas as dúas familias, Lucía (Raquel Espada) e Ricardo (Fernando Tato), choca sen saber ningún quen é o outro. A soñadora e encantadora filla de Xosé (César Goldi) e Ánxela (Sonia Rúa) e o herdeiro do imperio dos Samán van vivir unha historia de amor ameazada polas mentiras, os malentendidos, unha ex-moza que trata de reconquistar a Ricardo e, sobre todo, polo terrible enfrontamento entre as súas familias. Pero os dous comparten máis cousas das que cren, como, por exemplo, un mesmo dilema: permanecer no negocio familiar ou cumprir os seus propios soños Arredor de O faro, tamén haberán moitas máis historias de amor, algunhas moi divertidas. A amizade vai ser tamén a forza que una moitos personaxes, aínda que outras veces o que os unirá serán os segredos, como o que agocha a familia Muñoz, encabezada por Santiago (Carlos Olalla), o pai de Ricardo e de Lidia (María Tasende); e pola súa irmá Rosa (Rebeca Montero).

Categoría: Noticias
Etiquetas: