A Consellería de Cultura e Educación pon en marcha o novo programa Galicia ProFilme de formación continua para profesionais da industria audiovisual galega, que neste último trimestre do ano ofrecerá un encontro mensual arredor de diferentes temáticas centradas especialmente no aspecto económico e financeiro da produción cinematográfica. Destacados nomes do sector a nivel estatal serán os encargados de impartir estes relatorios, organizados pola Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) co obxectivo de orientar os profesionais en activo á hora de desenvolver calquera proxecto audiovisual. 

As sesións, de acceso libre previa confirmación de asistencia a través do enderezo electrónico audiovisual.agadic@xunta.es, desenvolveranse no auditorio da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. Galicia ProFilme inaugúrase esta semana con dúas xornadas que, baixo o título Cinema, creación e finanzas, terán lugar o xoves 17 e o venres 18 de outubro. A primeira destas sesións –O negocio do cinema: a arte do financiamento e as desgravacións fiscais no mundo– dará comezo ás 10.00 horas da man de Pilar de Benito, directora xeral de Morena Filmes, e de Marisa Castelo, directora de Legalarte, despacho xurídico especializado en propiedade intelectual e lexislación cultural. A súa exposición centrarase especialmente nas agrupacións de interese económico (AIE) como fórmula para a posta en marcha de proxectos audiovisuais. Pedro Martín, director de proxectos e desenvolvemento de Audiovisual SGR (Sociedad de Garantía Recíproca), impartirá a sesión da tarde –organizada en colaboración co Clúster Audiovisual Galego– na que, ademais de afondar no funcionamento desta entidade pública e de analizar o convenio entre o ICO (Instituto de Crédito Oficial) e o ICAA (Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales), abordará cun caso práctico o modelo de explotación das obras audiovisuais e a súa contabilización. Este primeiro encontro rematará na mañá do venres 18, durante a que se volverá contar con Marisa Castelo para expoñer un manual práctico de contratación e fiscalidade para autores e artistas. Galicia ProFilme regresará o venres 15 de novembro cunha sesión informativa arredor do programa europeo Media e as súas axudas para produtores independentes. Os directores da Agadic, Jacobo Sutil Nesta, e da Oficina Media Desk España, Jesús Hernández, inaugurarán este segundo encontro, durante o que o equipo de Media Desk debullará as liñas claves nas solicitudes destas convocatorias e se contará, ademais, coa experiencia de diferentes produtores independentes á hora de expoñer casos prácticos: Fernanda del Nido, de Tic Tac Producciones; María Zamora, de Avalon; Cristóbal García, de Morena Films; e Rubén Zarauza, de Vodka Capital. Nesta mesma xornada Jesús Hernández avanzará, así mesmo, as claves do futuro de Media no marco do programa Europa Creativa 2014-2020. Xa en decembro, terá lugar o terceiro encontro de Galicia ProFilme, Preprodución e mercado internacional, no que se ofrecerán tamén diferentes estratexias para a promoción e distribución de produtos no exterior. Esta última sesión do ano desenvolverase o xoves 12 coa participación de José María Riba, membro do comité de selección da Quincena de Realizadores do Festival de Cannes; Manuel Monzón, da distribuidora Acontracorriente Films; e David Castellanos, da axencia de vendas internacionais Cinema Republic.