A Televisión de Galicia estableceu un sistema regulamentado para aquelas persoas ou empresas que queiran proporcionar ideas, programas ou contidos de posible interese para a cadea, ben para a súa participación na produción, ben para ofertar a posibilidade de realización, compra ou adquisición por parte da TVG. Así o anunciou onte o director xeral da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, Alfonso Sánchez Izquierdo, na súa comparecencia parlamentaria na Comisión de Control da CRTVG.

 

Segundo explicou o máximo responsable dos medios públicos, as regras, que xa están publicadas na web da CRTVG e entrarán en vigor a partir do 1 de xullo, servirán para presentar propostas ou proxectos de producción referentes a programas de televisión, longametraxes cinematográficas, películas para televisión e miniseries, series de ficción, animacións, documentais e outros produtos audiovisuais. As propostas deberán presentarse na secretaría d Departamento de Programación e Emisións. Ademais de axustarse ás normas básicas e ás xerais de contratación, calquera proxecto deberá incluír unha explicación ou memoria en relación a diferentes materias. Así, na selección das propostas, a TVG perseguirá un elevado nivel de esixencia con respecto á calidade dos productos e terá en conta o seu compromiso coa identidade socio-cultural, a súa capacidade de incidir socialmente e conectar co público ao que se dirixen, co obxectivo de formar unha televisión de referencia para os cidadáns galegos.

Dado ol compromiso da Televisión de Galicia coa lingua, a cultura e a realidade social galega, valorarase especialmente a calidade e interese lingüístico dos proxectos. Tamén se terá en conta a promoción do talento profesional galego que efectúen e o feito de que se graven ou realicen en Galicia, xa que, segundo subliñou o director xeral, “a mellor maneira de poñer en valor a realidade social e cultural galega é dar a coñecer o territorio, as tradicións e a cultura a través de imaxes e contidos producidos dende o noso propio prisma”. Outros aspectos que deberán describir os proxectos son un plan de distribución, comercialización e exhibición -no caso das longametraxes-, unha proposta de innovación tendo en conta os novos formatos tecnolóxicos e un compromiso de responsabilidade na xestión. Sánchez Izquierdo dixo que “a finalidade desta iniciativa é normalizar un procedemento lo máis claro e transparente posible”. As citadas regras pódense consultar na páxina web www.crtvg.es/CRTVG/audiovisuais.asp.