Televisión de Galicia comprou os dereitos de emisión de ‘Estereoscopía’, a curta gañadora do Premio á Mellor Curta Galega no recén celebrado VIII Festival Internacional de Curtametraxes, Curtocircuíto 2011. O seu creador, Xacio Baño, leva xa varios premios en distintos festivais con este traballo, como o primeiro premio do Festival de Curtametraxes Metropol’His de Hospitalet de Llobregat, e o Palmarés á Mellor Obra Nacional na III Mostra Xarrades en Curt, celebrado en Valencia. Coa compra de dereitos por parte da TVG, esta curtametraxe terá unha fiestra aberta ó público amante deste formato, unha plataforma que contribuie decisivamente á divulgación e promoción da mesma.

Para Xacio Baño, esta curta naceu da necesidade de xogar coa linguaxe audiovisual, “de poñernos as cousas difíciles, de experimentar coa maeira de crear e de conseguir imaxes”. E como trama para este experimento, escolleu unha das caras da actualidade: a incomunicación entre o vecindario que habita as vivendas estilo ‘colmeas’, onde ninguén se coñece e mesmo evita o roce, falar ou tocárense entre eles. Pón de manifesto Xacio que hoxendía, “evitamos falar co veciño, pero en cambio somos capaces de mandarlle unha mensaxe de twitter a un famoso de moda, anque non o coñecemos de nada”.

 

Gañar o Premio á Mellor Curta Galega en Curtocircuíto… “¡pois supuxo  unha alegría enorme! Sobre todo polo equipo que participou e traballou a reo durante a rodaxe e logo durante a posprodución.  Nas curtas non hai espazo nin presuposto para pagarlle ao equipo, e a satisfacción de traballar en algo que funciona é unha boa recompensa ao tempo invertido. Ademais, polo prestixio que ten o festival, un referente mundial.  E é tamén o festival “da casa”, xa que boa parte do equipo que participou na curta vive en Santiago de Compostela.  E crecer asistindo cada ano ao festival, e chegar ao momento no que a túa curta é protagonista do festival é unha sensación incrible”.

 

As novas teconoloxías

Xacio aposta decididamente polo uso das novas tecnoloxías, pola súa eficacia, porque facilitan o traballo e as comunicacións, aportan inmediatez, ubicuidade, contactos, networking… pero “o problema radica en que saibamos empregalas, e non convertilas nas formas de comunicación prioricarias e mesmo únicas”.

En ‘Estereocopía’, a rodaxe non foi sinxela: foron varios meses de intenso traallo divididas en dúas partes, a rodaxe tradicional, que foron catro semanas, e a das escenas do día a día da vida, que iso sí, levou dous meses de traballo.

Xacio fala tamén dos formatos de curta e de longametraxe. Esta mesma historia “tíñamos claro que podía ser unha longametraxe, pero tamén sabíamos que en 12 minutos, a podíamos contar á perfección”, e de aí saíu esta curtametraxe. E preocúpalle, sen dúbida, a sociedade actual, afirmando que “cada vez hai menos paciencia, a xente pide e consume produtos cada vez máis rápido e por un espazo de tempo máis pequeno, é dicir, se podes contar algo en 140 caracteres, ¿para que fas unha entrada no blog?

 

A curtametraxe, formato de gran vixencia

A curtametraxe, como formato, ten moita vixencia e mellor futuro. Anque sen embargo, afirma que no tocante ó apoio á creación de curtametraxes estase retrocedendo, por unha banda, pola crise, pero pola outra, porque non se aposta seriamente polo sector, “baixan os orzamentos, suspéndense iniciativas… Hai algo sangrante que é a diminución ou desaparición das axudas e facilidades á promoción e distribución de curtas”, e bota de menos iniciativas como o catálogo de Documentais, Curtas, Flocos.tv, etc… “Estamos quedando orfos de iniciativas”, afirma. Anque “en medio dun panorama desolador, temos as axudas ao desenvolvemento do Talento audiovisual galego, que son un bálsamo e unha fantástica iniciativa sen a cal proxectos coma este nunca poderían levarse a cabo. 

Por iso, Xacio Baño considera que culturalmente, Festivais como Curtocircuíto son importantísimos “para que as curtas sexan visibles e poidan chegar ó espectador que estea interesado en ver novas propostas, novas historias. Ademais, seguindo un pouco a historia mesma de Estereocopía, tamén fan a súa función social, e son puntos de encontro, de comunicación, roce e intercambio entre a xente dentro das cidades e pobos”.

Apostar seriamente polas curtas, abrir xanelas para poder velas, ter unha boa distribución para poñela ó alcance de todos e todas…  Esta é a idea de Xacio, amante do formato da curtametraxe, pero que non deixa de ter entre un dos seus retos, facer unha longametraxe.