MÁIS DE 2.300 PELÍCULAS INSCRITAS PARA PARTICIPAR NO 16OUFF

18 / 05 / 2011

O 16 Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) comeza a coller forma. O pasado domingo 15 de maio pechábase o prazo de inscrición online cun novo récord de películas: un total de 2.303 traballos, cifra lixeiramente superior á de 2010 e nun período de tempo menor.

Do total das inscricións, preto de 1.400 películas xa están fisicamente na oficina do OUFF (os orixinais inscritos poden enviarse até o 25 de maio como data límite), e calcúlase que sexan preto de 2.000 películas as que se reciban ao final do proceso.

Cómpre destacar a maior presenza de documentais a concurso que en anos previos. A facilidade de acceso á tecnoloxía e o menor custe do xénero no tocante á produción semella estar animando a moitos creadores de todo o mundo, que atopan no documental unha interesante vía de expresión da realidade. As consecuencias da crise económica, tanto no aspecto social coma moral, a música e os conflitos de fronteiras e son os temas máis recurrentes entre os traballos recibidos.


Chamada internacional

É de agradecer que as principais distribuidoras e produtoras independentes do mundo confiasen un ano máis no criterio do noso Festival: a nosa chamada neste 2011 convocou películas de máis de 90 países, entre eles e por primeira vez en Ourense, Illas Faroe, Bangla Desh, Cabo Verde, Mianmar (antiga Camboxa) ou Zambia.
Porén, a produción máis significativa segue a ser a de Alemaña, Francia, Suíza, Holanda, España ou Israel, país que se está a converter nun dos grandes emisores da produción audiovisual. O audiovisual galego achegou cáseque 50 traballos até o momento.

OUFF en movemento

Actualmente, un grupo de visionadores peneiran os materiais recibidos, de grande calidade, para ofrecer unha selección de primeirísima orde aos espectadores do 16OUFF. O seguinte paso será a escolla da selección oficial a concurso e a definición das seccións paralelas fóra de concurso.


Programación estable

Lembrar, noutra orde de cousas, que a programación estable do Festival de Cine para este ano 2011 segue adiante coa proxección de Poesía, de Lee Chang-dong (Ciclo Oriental, en colaboración co Cineclube Padre Feijóo, mérores 18 ás 20:30 + 23:00h, cinebox), e co OUFF Infantil (sábado 21, 11:30h, cinebox, con: O bufón e a Infanta, Leo, O coidador de gatos, O pintor de ceos).

Categoría: Noticias
Etiquetas: