THE HUNT, PREMIO DO PÚBLICO NO FESTIVAL CINEUROPA 2012

17 / 12 / 2012

A película danesa The Hunt alzouse co premio do público no 26º Festival Cineuropa, que se celebrou en Santiago de Compostela do 8 ao 30 de novembro. Case 25.000 persoas asistiron ás actividades, un 25% menos que en 2011.

Cineuropa concíbese como un «festival de festivais», xa que reúne o mellor do cine visto nos grandes certames cinematográficos internacionais ao longo da tempada. A súa 26ª edición concluíu o 30 de novembro co xa tradicional maratón. En total, foron 152 filmes os que se puideron ver no Teatro Principal, Salón Teatro, o CGAC e a Sala Mozart do Auditorio de Galicia en Santiago, repartidos nunha ducia de seccións. Ademais de cine, houbo actividades paralelas e un programa especial de música: Cineuropa Concerto. E é que a música estivo moi presente no evento galego este ano. De feito, unha das premiadas co premio Cineuropa de Honor desta edición foi Najwa Nimri, actriz e cantante. O outro foi para o cineasta portugués Pedro Costa.

Cineuropa non ten carácter competitivo, pero o público valora as películas que se exhiben nas distintas seccións. Na oficial, o filme ganador, con 8,17 puntos, foi o danés The Hunt, dirixido por Thomas Vinterberg e protagonizado por Mads Mikkelsen, que gañou o premio ao mellor actor no Festival de Cannes polo seu papel dun profesor de gardería acusado falsamente de abusos sexuais pola filla do seu mellor amigo. A estadounidense Beasts of the Southern Wild, de Benh Zeitlin, foi a máis votada na sección Panorama Internacional, con 7,81 puntos; a tamén estadounidense Robot&Frank, de Jake Schreier, na sección Fantastique Compostela, con 7,75 puntos; e o clásico Gran Casino, de Luís Buñuel, na sección Ten Cult Movies, con 7,28 puntos.

Categoría: Noticias
Etiquetas: