PROXECCIÓN DE FRAGA Y FIDEL, SIN EMBARGO, MAÑÁ NO CGAI

14 / 12 / 2012

O Centro Galego de Artes da Imaxe proxecta mañá sábado día 15 de decembro (18.00 horas), dentro da sección Off Galicia, o documental de Manuel Fernández-Valdés -autor da prestixiosa longametraxe Manuel y Elisa- Fraga y Fidel, sin embargo (2012), aproximación á viaxe a Galicia de Fidel Castro en 1992. O propio autor presentará a sesión e terá un encontro co público ao finalizar o pase. A entrada é de balde.    FRAGA Y FIDEL SIN EMBARGO    

(España, 2012)
Dirección e guión: Manuel Fernández-Valdés. Produción: Bambú Producciones. Fotografía: Carlos Vásquez e Enrique Baró. Duración: 98 minutos.  
“En 1992, o gobernante cubano Fidel Castro viaxou a Galicia (España) e visitou a casa na que nacera o seu pai. Daquela o presidente galego era Manuel Fraga, ministro durante a dictadura de Franco. Fraga recibiu a Castro con grandes honores e lle preparou unha axenda cargada de paseos, homenaxes e celebracións. A pesar dos supostos contrastes, ambos pasaron
dous días xuntos. Esta película é unha viaxe persoal a través desas cuarenta e oito horas. Dúas ideas principais recorren a película. Unha é a revisión do tópico que plantea o encontro entre ambos gobernantes como exemplo de ‘violentos contrastes’. Durante os dous días que durou a festa pop que Fraga preparou a Castro só se observaron ‘violentas identificacións’. A outra ten que ver co papel da sociedade no acontecemento e a evidencia de que todos os reis teñen a súa corte” (Manuel Fernández-Valdés, autor tamén do singular documental Manuel y Elisa).

Categoría: Noticias
Etiquetas: