TALLER DE INICIACIÓN AO DOCUMENTAL I

7 / 02 / 2013

O Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa de A Coruña imparte un obradoiro de “Iniciación ao Documental I. Ciclo de creación do documental (desenvolvemento)” os sábados do 2 ao 23 de marzo de 17.30h a 20.30h da man de Érica Esmorís. A inscrición esta aberta ata o martes 26 de febreiro.

Dirixido a todos aqueles que desexen iniciarse no xénero documental, este taller é o primeiro dos tres que forman o Ciclo de creación documental e o seu obxectivo é achegar ao alumno a forza do xénero documental, dende o desenvolvemento da idea ata a gravación dunha peza documental, a través dun exercicio práctico que permite experimentar o proceso de produción completa de primeira man e a súa posterior montaxe en Adobe Premiere, formando os alumnos nas diferentes etapas que interveñen na creación audiovisual:

_Taller de iniciación ao documental I (desenvolvemento), impartido por Érica Esmorís.

_Taller de iniciación ao documental II (produción, impartido por Érica Esmorís coa colaboración de Pablo Viña e Daniel Almeida.

_Taller de iniciación ao documental III (edición), impartido por Daniel Viqueira.

Cada taller funciona de modo independente.

Neste primeiro taller, a través dun espazo de traballo teórico-práctico, o alumno madurará a súa propia idea documental, converténdoa nun proxecto integral. Cada sábado presentaranse ferramentas teóricas vinculadas a cada etapa do desenvolvemento, que serán postas en práctica polos alumnos en función dos seus propios proxectos. Deste modo, o taller articúlase a través de clases cunha parte teórica (onde se mostran os conceptos claves para o desenvolvemento dun documental) e parte práctica (onde se fai unha posta en común e se analiza o desenvolvido polos alumnos).

Categoría: Noticias
Etiquetas: