ESCOBA! ESTREA NOVA TEMPORADA NA TVG

6 / 02 / 2013

O próximo domingo 10 de febreiro ás 22:00 tedes unha cita na TVG xa que Antonia, Amparo, Milagros, Marina e Sofía volven máis fortes ca nunca. Na terceira temporada de Escoba! traerá novas situacions disparatadas do grupo de mulleres que frecuentan o Local Social, que promete seguir cos seus desternillantes argumentos, levando un humor tipicamente galego aos nosos fogares. Esta comedia de situación galega, galecom como lle chama a súa creadora Mariana Carballal, volta botando man da retranca e o humor, para inventar as historias máis extravagantes, incribles e divertidas ao gusto de todos os públicos.

Esta terceira temporada de Escoba! contará coa participación de actores e actrices galegas ben coñecidos pola audiencia pero novos no Local como Pepo Suevos, Marián Bañobre, Xosé Barato, Marcos Correa, Rober Bodegas, Avelino González… Así coma algúns que xa pasaron pola serie e seguen a colaborar como Camila Bossa, Ana Carril, Feli Manzano ou Mariana Expósito. Estes e moitos outros acompañarán ás cinco mulleres nas súas peripecias, sempre en clave de comedia, tomando como punto de partida situacións comúns coma un derbi Depor-Celta, o descubrimento dun roubo ou o uso de novas terapias alternativas para curar a depresión… e así ata 19 capítulos cheos de risas e emocións.

Escoba!, dende a estrea da súa primeira temporada o 25 de decembro de 2011, leva recollendo uns magníficos resultados de audiencia. Fidelizando a unha gran cantidade de público de todas as idades grazas a uns guións que lle saben sacar punta o cotián e a un elenco de actrices e actores que conectan dunha forma moi especial co público.

Ao mesmo tempo que se prepara esta estrea, Ficcións Producciones está a comezar a rodaxe dunha cuarta temporada con moitas máis sorpresas e colaboracións. Por este motivo convocou o próximo día 13 de febreiro en horario de mañá e de tarde un casting de extras e figurantes na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, para participar neste proxecto e outros futuros. Os datos da convocatoria pódense atopar en Facebook, tanto na páxina de Ficción Producciones como da propia serie e está aberta para calquera persona que se quera acercar.

Categoría: Noticias
Etiquetas: