“RUNNERS”, “MIENTE” E “EL ENCARGADO”, TRES DAS 42 CURTAS SELECCIONADAS PARA OFESTIVALON FIVE

30 / 07 / 2009

 

Hoxe comeza a Sección Oficial de OFestivalON Five de Ribadeo na que se proxectarán un total de 42 curtas que se proxectarán entre o xoves 30 e venres 31 de xullo e o 1 de agosto. As curtas repártense en tres categorías, correspondendo un total de 18 ás de  ficción, 11 ás documentais e 13 ás de animación.  Sen dúbida o melloriño do panorama actual internacional seleccionado entre case medio millar de curtas. Entre os países extranxeiros que participarán atópanse Corea, Afganistán, Italia, Alemaña, UK, Arxentina,  Holanda, Australia, Irán , Francia, e por suposto España.

 

Nesta V edición de OFestivalON as sesións serán máis potentes que anos anteriores. Cabe salientar que de entre as tres categorías, son varias as curtas de ficción que contan xa con varios premios acadados. “Runners” tivo 3 nominacións a Mellor Curtametraxe e 2 premios entreactores.com actor revelación para Marco Aurelio González e Jose Luis Tejero no Escorto 2009, III Festival de Curtametraxes do Escorial. Outra das curtas sobresaíntes é “Miente”, que acadou o Premio EPC á mellor producción en Cortogenia, e foi gañadora do Goya 2009 á mellor curta de ficción. Por último e non por iso a menos importante, “El encargado”, que conta cunha temática escolar, e foi galardonada co Premio Telemadrid ao mellor guión 2008, o Premio Mercado Cinema Jove 2007, e tamén contou cunha nominación ó Goya 2009. Unha vez máis, as curtas seleccionadas para a sección oficial optan a varios premios e os seus correspondentes Mistos de Pau nas categorías de Ficción, Animación e Documentario 

  • Misto de Pau de Sabugueiro á Mellor Curta de Fición_ 1200,00 €
  • Misto de Pau de Carballo á Mellor Curta Documentario 1200,00 €
  • Misto de Pau de Castiñeiro á Mellor Curta Animación_ 1200,00 €
  • Misto de Pau de Loureiro á Mellor Curta do Público_1200,00€

 En cada proxección, o público asistente votará a curta que máis lle guste. Aquela que acade máis votos será a que se leve o Misto de Pau de Loureiro e os 1200 euros do premio do público.

Actividades para nenos

Este ano OFestivalON Five contará na súa programación con actividades na rúa para os máis pequenos. A Caixiña dos Mistos proxectará as mellores curtas infantís que durante todo o verán se achegan a todos os rincóns da xeografía galega. Terá lugar o sábado de 11.30 a 14.00 h e de 17.00 a 19.00 h no Cantón. Ademáis impartirase un Obradoiro de animación con plastilina, no que un grupo de rapaces entre 10 e 13 anos creará unha pequena peza audiovisual baseándose na técnica do stop-motion. Terá lugar a mañá do sábado de 11.00 a 14.00 h no Cantón dos Moreno.Ademáis o venres 31 ás 20.30 h o grupo de Teatro Migallas actuará para un público infantil na Praza da música. Na sección máis creativa do festival, A toda mecha, produciranse este ano tres curtas: Placebo, de Andreia Táboas e Ana Belén Diz, Favores en Cadea de Jose Mª Picón e Para Mariñeiros Nós de Omar Rabuñal. A idea central dos guións, previamente seleccionados, versará sobre a solidariedade. Estas curtas gravaranse ó longo desta semana. 

Na gala final se coñecerán os premiados na Sección Oficial

Este sábado a partires das 22.30 horas no Cantón dos Moreno comezará a gala final de OFestivalON Five. Ademáis de coñecer a curta gañadora da sección A Toda Mecha e visionala, tamén farase público o veredicto do xurado en canto á Sección Oficial. Os encargados de determinar cal será a curta gañadora son: María Acuña Rodríguez, Antonio Mourelos, Profesor Asociado da USC e Santiago Jaureguízar, redactor de Cultura de El Progreso. Determinarán os gañadores do Misto de Pau de Sabugueiro á mellor curta de ficción (1200 euros), Misto de Pau de Carballo á mellor curta documental (1200 euros) e Misto de Pau de Castiñeiro á mellor curta de animación (1200 euros). Ó rematar a gala actuará a banda de jazz Lucía Martínez Cuarteto. 

Categoría: Noticias
Etiquetas: