O cineasta portugués Miguel Gomes (Lisboa, 1972) presenta hoxe xoves día 30 de xullo (20.30 horas) no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) na Coruña a súa película AQUELE QUERIDO MES DE AGOSTO (2008) nun coloquio moderado polo crítico Martin Pawley.

Obxecto dunha retrospectiva sobre a súa obra durante este mes -dúas longametraxes e seis curtas- a súa traxectoria aparece avalada éste ano polo éxito crítico e o premio para éste filme no BAFICI de Bos Aires e MÁIS recentemente No Filminho.  Ao mesmo tempo, o CGAI concedeulle carta blanca, liberdade de elección a Gomes para que presentase toda unha serie de títulos portugueses que tivesen que ver dunha ou doutra forma co seu cine, uns por relación directa -mesmo en ocasións con firmes afinidades profesionais-, outros porque representan o cine portugués no que Gomes, por distintas razóns, se recoñece. A entrada é gratuíta.

 
AQUELE QUERIDO MÉS DE AGOSTO     
(Portugal, 2008)
Dirección: Miguel Gomes. Guión: Miguel Gomes, Mariana Ricardo e Telmo Churro. Produción: Luís Urbano, Sandro Aguilar e Thomas Ordonneau. Fotografía: Rui Poças. Intérpretes: Sónia Bandeira, Fábio Oliveira. Duración: 147 minutos.
Un verán como outros na portuguesa localidade de Arganil. Procesións relixiosas, xentes do lugar cheas de simpatía, mozos de acampada, fogos artificiais, bandas de música popular e unha rodaxe. As fronteiras entre o real e o ficticio difumínanse e Gomes amosa a súa mestría: a maneira complexa de filmar o simple e banal, a notable singularidade para facer converxer accións e diálogos nun mesmo plano (como Nashville de Robert Altman) e o xeito de transmitir e remitirnos á vida e ao cine mesmo, diferenciándose doutros modelos.