PROXECCIÓN DE LOS SALVAJES E HANEZU NO CGAI

2 / 05 / 2013

O Centro Galego de Artes da Imaxe presenta hoxe e mañá dúas estreas. Un relato iniciático de estirpe mística, a arxentina Los Salvajes (2012) de Alejandro Fadel (xoves 2 de maio) e unha nova entrega da obra da xaponesa Naomi Kawase, Hanezu (2011) (venres 3 de maio).    Xoves 2 de maio (20.30 horas)

LOS SALVAJES      
(Arxentina, 2012)
Dirección e guión: Alejandro Fadel. Produción: Fondo Metropolitano de la Cultura, las Artes y la Ciencias e La Unión de los Ríos, co apoio de Hubert Bals Fund e Universidad del Cine. Fotografía: Julián Apezteguia. Intérpretes: Leonel Arencibia, Roberto Cowal. Duración: 119 minutos.  
A historia de cinco adolescentes que foxen violentamente dun centro de menores. No camiño deben atravesar cen quilómetros a pé, cruzando as serras, perante a promesa dun fogar onde continuar os seus días. Levan unhas poucas provisións e unha pistola. Cazan animais para se alimentaren, rouban nas casas que encontran ao seu paso, consumen drogas, báñanse nun río, pelexan, fan o amor. Un crime do pasado, un milagre e un sacrificio condicionan e atravesan a peregrinación pola agreste paisaxe rural. Semana da Crítica de Cannes 2012, premiada alí e no BAFICI.   

Venres 3 de maio (18.00 e 20.30 horas)
HANEZU NO TSUKI / HANEZU   
(Xapón, 2011)
Dirección, guión e fotografía: Naomi Kawase, sobre a novela Bando Masako. Produción: Kashihara-Takaichi Regional Administrative Association e Kurnie. Intérpretes: Tohta Komizu, Hako Oshima. Duración: 91 minutos.  
Naomi Kawase bascula entre a carnalidade dos seus documentais e unhas ficcións que moitas veces flirtean co fantástico, ao captaren mundos fantasmais, como El bosque del luto. Neste caso crea un relato de paixóns amorosas e fantasía desbordante ambientada en Nara, berce de Xapón e da propia cineasta. Coa lenda do ton das tres montañas de Unebi, Miminashi e Kagu como pano de fondo, Kawase narra a historia dun triángulo amoroso coa súa poética habitual.

Categoría: Noticias
Etiquetas: