O director e guionista Raúl Veiga, a xerente da Academia Galega do Audiovisual Marisela Lens e o director do Festival de Cine Internacional de Ourense Enrique Nicanor presentaron esta mañá o Foro Academia Aberta 2008 que abordará a relación entre o galego e a nosa industria audiovisual baixo o título “A lingua fendida. O audiovisual e o galego”. O encontro, de dúas xornadas de duración, está organizado pola Academia Galega do Audiovisual coa colaboración do Festival de Cine Internacional de Ourense, e celebrarase entre mañá martes, día 14, e o mércores 15, no Auditorio Municipal desta cidade.
No transcurso da presentación, Raúl Veiga, un dos coordinadores do Foro, explicou que con este foro a Academia pretende afrontar o tema da lingua no audiovisual tanto dende os puntos de vista cultural ou identitario como industrial, de acordo coa propia razón de ser da entidade. Veiga subliñou o feito de que “a lingua, que en calquera outro país é tan inmediata como o aire que respiras, aquí, na Galiza, de resultas dunha persecución secular, é algo problemático, sometido ao constante paradoxo e maniféstase como unha fenda aberta”. Veiga engadiu que a Academia preferiu nesta ocasión que fosen, non os lingüistas ou sociolingüistas puros, nin os responsábeis políticos, senón os profesionais do sector e os intelectuais os que se ocupasen da relación entre o galego e o audiovisual, forma cultural dominante hoxe, tanto en Galiza como fóra de Galiza.

Producir para o mercado galego e o exterior

Entre os temas de debate de Foro atópase a peculiaridade que supón o uso da lingua propia do país no eido audiovisual, tendo en conta que as producións galegas diríxense tamén aos mercados español e internacional. Esta realidade convive co feito de que a Lei do Audiovisual outorgou ao sector unha alta misión como axente normalizador da lingua e da cultura.

A primeira xornada dedicarase a coñecer os casos de realidades semellantes ao que acontece en Galicia, tanto a nivel estatal (Euskadi e Catalunya) como internacional (Québec e Gales), da man de expertos nos respectivos territorios.
O segundo día centrarase no caso galego: recoñecidos profesionais debaterán sobre a relación do noso idioma co audiovisual dende as perspectivas sociocultural, artística e económica, así como as características que debe ter a lingua desde o punto de vista da súa eficiencia audiovisual.

Así mesmo, a Academia fará unha homenaxe á dobraxe en Galicia, que o pasado ano cumpriu vinte e cinco anos como profesión. Para iso está prevista a celebración dunha mesa redonda na que profesionais da dobraxe contarán a historia íntima do seu traballo e mesmo rememorarán as dobraxes “míticas” da Televisión de Galicia. Como colofón haberá un recordo especial a María Romero e ao recentemente falecido Xoán Guisán, pioneiros desta profesión en Galicia.

Patrocinadores e colaboradores

O Foro está patrocinado pola Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Secretaría Xeral de Comunicación, a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deporte, e a Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información da Consellería de Innovación e Industria. Así mesmo, conta co patrocinio da Fundación Caixa Galicia e a colaboración do Festival de Cine Internacional de Ourense.

Coordinadores da programación:

– Antonio Mourelos, actor e membro da Academia Galega do Audiovisual.
– Raúl Veiga, director, guionista e membro da Academia Galega do Audiovisual.
– Carlos Ares, guionista, produtor e membro da directiva da Academia Galega do Audiovisual.