Antón Reixa presentou onte na Coruña nun almorzo cos medios de comunicación a súa última obra literaria, un libro de poemas titulado Látego de algas.

Con portada e ilustracións interiores do escultor e artista plástico Francisco Leiro, Látego de algas supón unha novidade de máximo interese na obra literaria do poeta, narrador, dramaturgo, artista multimedia e director de cine Antón Reixa, un dos máis destacados representantes da cultura galega contemporánea. A obra, prologada por Yolanda Castaño, é un conxunto de “poemas de amor basados en feitos reais” e ve a luz 30 anos despois da publicación de Silabario da turbina, mítico título do Grupo Rompente, fundado no seu día por Antón Reixa.

Edicións Espiral Maior celebra coa publicación deste título o número 200 da colección Poesía, a máis importante en extensión e calidade na historia da edición en Galicia e unha das máis recoñecidas na península ibérica.

Participaron na presentación de Látego de algas o propio autor, Antón Reixa, e o escritor e director de Edicións Espiral Maior, Miguel Anxo Fernán Vello.